50 supermercados do municipio de Pontevedra e das comarcas do Deza e O Salnés participarán este venres 1 e o sábado 2 de decembro na gran recollida solidaria. Ao redor de 500 voluntarios do Banco de Alimentos estarán organizados para en quendas de catro horas recoller alimentos que as persoas que acudan aos establecementos queiran doar nesta gran recollida solidaria.
O reto que se marca a ONG é igualar a cífra récord obtida durante a recollida de 2016, que alcanzou os 100.000 quilos de comida permitindo que o Banco de Alimentos recuperase de inmediato o seu stock de produtos para o almacén en Pontevedra.
Con estes alimentos aténdese a 5.000 persoas con dificultades a través de 35 colectivos sociais.
A madriña desta campaña é a presentadora de televisión Carlota Corredera, que estará en Pontevedra durante o sábado pola tarde como voluntaria. A súa participación foi fundamental grazas ao chamamento que fixo desde un dos programas que presenta, Sálvame.