Decembro castiga sen luz a ponte da Illa de Arousa

O Salnés
23 de decembro 2022

O Concello da Illa reclama á Xunta de Galicia a inmediata iluminación desta infraestrutura xa que o "apagón lumínico" pon en perigo a seguridade da conducción no único acceso ao municipio

Luis López, delegado territorial da Xunta, conversa con Carlos Iglesias, alcalde da Illa de Arousa, na ponte
Luis López, delegado territorial da Xunta, conversa con Carlos Iglesias, alcalde da Illa de Arousa, na ponte / Xunta de Galicia - Arquivo

O goberno local da Illa de Arousa mostra o seu enfado porque desde hai máis de dez días a ponte da Illa de Arousa sofre un "apagón lumínico". Por este motivo, desde o Concello reclaman á Xunta de Galicia a inmediata iluminación do viaduto.

Sinalan que a situación actual provoca un perigo na seguridade da condución a través do único acceso que existe ao municipio arousán. Lembran a Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, que esta ponte é empregada diariamente por miles de vehículos, incrementándose o número nestas festas do Nadal.

O goberno local asegura que a falta de luz obriga a circular ás escuras durante un tramo de varios quilómetros, situación que se agrava durante os últimos días en que se rexistran forte ventos e choivas en xornadas con escasa luz natural.

Carlos Iglesias, alcalde da Illa, responsabiliza directamente da situación á Xunta de Galicia e, en concreto, ao presidente autonómico Alfonso Rueda e á conselleira Ethel Vázquez, ao entender que deben encargarse do mantemento desta infraestrutura de titularidade autonómica.

Acusa o Partido Popular de "caer recurrentemente en incumprimentos cando se trata do mantemento de servizos e infraestruturas na Illa de Arousa".

O rexedor sitúa este apagamento nun "episodio máis na cadea de discriminacións institucionais á que a Xunta condena á cidadanía arousá, con deixamento no mantemento non só das infraestruturas viarias, senón tamén das portuarias e das sanitarias".

Por este motivo, Iglesias esixe tamén este cesamento de discriminación cara á Illa.