Decátanse de que teñen preferentes tras recibir unha carta de Novagalicia informándolles da quita

O Salnés
09 de abril 2013

A Plataforma do Salnés de afectados por preferentes e subordinadas está recibindo nos últimos días as chamadas de numerosos cidadáns que se acaban de decatar de que teñen estes produtos financeiros, tras recibir unha carta de Novagalicia que lles informa da quita aprobada polo Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB)

Afectados polas participacións preferentes e a débeda subordinada
Afectados polas participacións preferentes e a débeda subordinada / Mónica Patxot

A Plataforma do Salnés de afectados por preferentes e subordinadas está recibindo nos últimos días as chamadas de numerosos cidadáns que acaban de decatarse de que teñen estes produtos financeiros, tras recibir unha carta de Novagalicia que lles informa da quita aprobada polo Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB).

De novo o perfil repítese, segundo os portavoces da plataforma, trátase de xente maior que pensaba que tiña contratadas contas a prazo fixo e que poderían recuperar o seu diñeiro.

Esta plataforma púxose en contacto coa avogada de Sanxenxo, Ana Villalustre, que gañou un xuízo a Novagalicia Banco no Xulgado de Cambados pola venda de preferentes obrigando á entidade a devolver 20.000 euros a un aforrador que non sabía que se podía quedar sen diñeiro.

O Consello Xeral do Poder Xudicial está a elaborar un plan en Galicia para facilitar a tramitación "áxil e ordenada" dunha previsible masiva presentación de demandas de aforradores afectados por preferentes. O obxectivo deste plan é lograr que os casos teñan sentenza nun "prazo razoable" de tempo e que a presentación das denuncias non afecte ao funcionamento normal dos xulgados.

Por outra banda, os integrantes da Plataforma do Salnés, rodeados dun amplo dispositivo policial, recolleron as pertenzas que quedaran no Salón de plenos do Concello de Sanxenxo de onde foron desaloxados.