O "decálogo" do PP para aprobar un orzamento do que "no sabemos absolutamente nada"

Pontevedra
21 de novembro 2024

Rafa Domínguez presentou un "decálogo de principios" que o PP considera as "líneas fundamentales" que deberían ter estes orzamentos, aínda que aclarou que non se trata de "líneas rojas"

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra
Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra / Mónica Patxot

A 21 de novembro, segundo denuncia o portavoz do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, "no sabemos absolutamente nada" sobre o orzamento municipal para 2025. É algo que, polo menos a el, "me llama poderosamente la atención".

Domínguez, que compareceu este xoves en rolda de prensa, lembrou que o pasado ano o alcalde aseguraba, ante o bloqueo das contas, que ter orzamento era "imprescindible" ante a posibilidade de que o Concello entrase nunha situación de "parálisis".

Contando cos prazos legais para a aprobación dos orzamentos, o líder do PP considera que será "imposible" que as contas para 2025 poidan estar aprobadas antes do 1 de xaneiro e ve "sorprendente" que o goberno municipal "no tenga ninguna prisa".

"No tenemos ninguna noticia sobre los presupuestos o, al menos, sobre las líneas generales que van a tener las cuentas del año que viene", lamentou o portavoz popular.

Ante esta situación, Rafa Domínguez presentou un "decálogo de principios" que o PP considera as "líneas fundamentales" que deberían ter estes orzamentos, aínda que aclarou que non se trata de "líneas rojas" que condicionen un posible apoio ás contas.

Así, os populares reclaman un incremento "significativo" das partidas en servizos sociais para atender á xente "que más lo necesita" ou unha aposta "decidida" polo deporte, que aumente as axudas aos clubs ou estableza un plan de mellora de infraestruturas deportivas.

O terceiro punto sería unha reorganización do tráfico que permita reabrir Raíña Vitoria, ao que o PP engade unha negociación "leal" cos traballadores municipais e un reforzo da seguridade cidadá, entre outras medidas, coa contratación de máis policías locais e bombeiros.

Domínguez reivindica ademais unha mellora "inmediata" da limpeza na cidade, un plan "creible" para a mellora de barrios e parroquias, o traslado do mercadiño ao centro, a creación dunha rede de aparcadoiros disuasorios e unha redución "significativa" da cara impositiva.

"Creo que los pontevedreses saben dónde está el PP y saben qué tipo de ciudad queremos", sentenciou o dirixente popular, que considera que este decálogo "es un resumen de todo lo que hemos ido pidiendo" e que a cidade "debería ir en esa dirección".