Debullando a lei do 'só si é si': do dereito de reparación social aos dispositivos de protección para a vítima

Pontevedra
23 de marzo 2023

A Lei Orgánica de Garantía da Liberdade Sexual protagonizou o primeiro faladoiro feminista organizado polo Concello de Pontevedra dentro da programación do 8M 2023. Belén Rubido, Dori Varas e Rosa Fontaíña protagonizaron esta actividade, conducida pola xornalista de Diario de Pontevedra María Varela

Faladoiro feminista sobre a lei do 'só si é si'
Faladoiro feminista sobre a lei do 'só si é si' / PontevedraViva

Poucas normas suscitaron tanta polémica na historia recente de España como a Lei Orgánica de Garantía da Liberdade Sexual, máis coñecida como a lei de 'só si é si'. Chea de partidarios e detractores, este mércores protagonizou o primeiro faladoiro feminista organizado polo Concello de Pontevedra dentro da programación do 8M 2023. 

Belén Rubido, xuíza decana de Pontevedra e, titular do Xulgado do Penal número 4, especializado en violencia machista; Dori Varas Noguerol, traballadora social da Oficina de Atención e Asistencia ás Vítimas do Xulgado de Vigo; e Rosa Fontaíña Pazos, coordinadora e portavoz da Asociación da Rede de Mujeres Veciñais Contra os Malos tratos de Vigo, protagonizaron esta actividade, conducida pola xornalista de Diario de Pontevedra María Varela

O faladoiro, que cubriu todo o aforo dispoñible do CIM de Pontevedra, serviu para analizar os aspectos máis polémicos desta lei, pero, sobre todo, para coñecer en profundidade o contido tanto da norma inicial aprobada en outubro de 2022 como da reforma que está en tramitación na actualidade, enfocada en elevar as penas e evitar as reducións de condena que se rexistraron nos últimos meses, 721 en toda España. 

Esta lei coñécese fundamentalmente porque consagra o consentimento como clave da liberdade sexual, pero Belén Rubido quixo insistir noutros aspectos máis descoñecidos. Aclarou, ademais, que "se é un delito contra a liberdade sexual, xa é inconsentido, senón sería unha relación social normal" e que ela, como profesional que aplica a lei, non a valora nin fai pública a súa opinión.

"Eu aplico a lei, pero non podo valorala", insistiu e aclarou que non dirá se era mellor a norma inicial ou a reforma en tramitación, pero si deixou claro que os xuíces están obrigados a revisar as condenas polo principio do ordenamento xurídico español de aplicar a norma máis favorable ao reo, pero revisala non sempre implica reducila, senón que hai casos nos que se revisou e non se modificou a sentenza inicial.

Recoñeceu que existiu esa reacción social polémica e contraria á lei cando comezaron a coñecerse as reducións de condena porque "normalmente, as reducións de condena son nos casos máis graves"

Coa reforma, "evítanse as reducións de condena", vólvese ao escenario inicial previo á lei en canto ás penas máximas e mínimas. A diferenza fundamental da reforma é que "se volve a introducir a violencia ou intimidación para introducir esa maior pena".

Este cambio de paradigma á hora de xulgar os delitos sexuais en base ao consentimento e tamén a distinción entre abusos e agresión sexual son só dous dos aspectos, pero a norma inclúe tamén actuacións como unha maior protección para as vítimas. 

Trátase a de unha novidade "da que non se falou" e supón a posibilidade de instalar dispositivos telemáticos de xeolocalización para controlar o cumprimento de penas ou medidas de afastamento dos agresores sexuais, mesmo en caso de sobresemento da causa. As vítimas de violencia sexual teñen agora un estatuto da vítima similar ao que tiñan ata o de agora as vítimas de violencia de xénero.

Tamén supón a lei un maior dereito de reparación para as vítimas. A xuíza decana fala sempre en feminino porque "desgraciadamente, o 90 e tantos por cento das vítimas son mulleres e nenas", aínda que lembra que tamén hai homes e nenos.

O dereito de reparación é "amplísimo" e supón tamén reparar á vítima pola perda de oportunidades ou polo dano social provocado polo delito que sufriu, entendido este como dano ao proxecto de vida. A lei dedica un título enteiro a ese dereito das vítimas á reparación e inclúe as medidas necesarias para a súa completa recuperación física, psíquica e social e as garantías de non repetición, ademais de accións de reparación simbólica.

Dori Varas tachou de moi importante que na lei reflicta o dano social porque o que lle ocorre ás vítimas repercútelles "a nivel laboral, de lecer, de relacións sexuais...".

Dori e Rosa confirmaron que non se están pedindo esas reparacións e a xuíza decana explicou que con esta nova lei, aínda cando a vítima renuncia á acción civil e a reclamar indemnización, a lei permite revogar esa renuncia

No faladoiro tamén saíron a relucir casos concretos como a denuncia por violación contra Dani Alves e a decisión da vítima denunciante de renunciar á súa indemnización. Todas coincidiron en que na sociedade actual está a ocorrer que as vítimas teñen que renunciar para gañar credibilidade. "Ela renunciou á indemnización. E por que? Non podemos caer en: que ben que non pide diñeiro. E por que non vai pedir diñeiro? É unha vítima", sinalaron no faladoiro, ao que asistiron unha treitena de persoas. 

Rosa Fontaíña recoñeceu algúns defectos nesta lei, pero tamén insistiu en que "a pesar de todo, ten moitas vantaxes". Pola súa banda, relatou que no día a día da súa asociación ven "como xulga ás mulleres a cidadanía" e que "as mulleres chegan ao xulgado e aplícase moito a presunción de mentira"

A actividade contou coa presenza dunha ampla representación da política pontevedresa, coa presenza da concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, e tamén de concelleiras do BNG como Eva Vilaverde e Carmen Fouces ou parlamentarias do PSOE como Pomba Castro. Tampouco faltou Manuela Vilaboy, xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra; avogadas; ex concelleiras; e activistas feministas de distintas entidades.