Debate en Marín sobre esta marquesiña instalada en Seixo: é unha chapuza?

Marín
20 de setembro 2024

A nova marquesiña instalada na Rúa Dr. Otero Ulloa, parroquia de Seixo, en Marín, xerou controversia debido a súa peculiar orientación, de costas á vía. O Concello de Marín xustifica esta instalación en razóns técnicas de seguridade e accesibilidade. Pola súa parte, o grupo municipal do PSOE pide a adquisición do terreo do antigo bar Miramar para crear unha marquesiña "en condicións"

Marquesiña en Dr Otero Ulloa, en Seixo
Marquesiña en Dr Otero Ulloa, en Seixo / PSOE de Marín

Unha nova marquesiña instalada na Rúa Dr. Otero Ulloa, parroquia de Seixo, en Marín, xerou controversia debido á súa peculiar orientación, de costas á vía.

O Concello de Marín, a través do concelleiro de Rural, Pablo Novas, explicou que a localización e orientación da marquesiña responde a cuestións técnicas de seguridade e accesibilidade.

Segundo Novas, a estrutura colocouse aproximadamente a 50 metros da antiga parada de autobús na PO-551, nunha zona consensuada coa Axencia Galega de Infraestruturas e a empresa adxudicataria do servizo.

"Se neste caso poñemos a marquesiña como é habital, o espazo é tan reducido entre a zona na que agardan os peóns e a estrada que poden producirse despistes ou situacións de perigo, especialmente se pensamos nos máis pequenos ou na xente con algunha dificultade", explicaba o concelleiro.

Engade que "neste caso optamos por esta solución que, por certo, non é nova nin innovadora, xa que hai casos noutros concellos e lugares de Galiciae tamén no estranxeiro por razóns similares".

O goberno local argumenta que esta disposición permite preservar o espazo na beirarrúa para o paso de cadeiras de rodas, andadores ou carriños de bebé.

Ademais, sinalan que mellora a seguridade viaria ao aumentar a distancia entre os peóns e a estrada. Novas tamén menciona que esta orientación protexe mellor aos usuarios das inclemencias do tempo.


UNHA "CHAPUZA" PARA O PSOE

Non obstante, o PSOE de Marín, a través do seu voceiro municipal Manuel Pazos, cualificou a instalación como unha "chapuza".

Os socialistas critican a localización elixida e esixen que se recupere a súa proposta de adquirir o terreo do antigo bar Miramar para crear unha marquesiña "en condicións".

Pazos lembra que hai dous anos o PSOE presentou unha moción para crear un gran espazo público que incluíse unha marquesiña e un andén, permitindo que o autobús se detivese sen obstaculizar a estrada.

O voceiro socialista considera que a solución actual é "unha falta de respecto cara a Seixo" e esixe ao goberno local que abandone as "chapuzas" e formule un proxecto serio para a parroquia.