De zapaterías por Pontevedra

Pontevedra
13 de outubro 2012

Soraya Sáenz de Santamaría aproveita o seu paseo por Pontevedra para mercar unhas zapatillas para o fillo

- Cospedal!
- No, Soraya.

Coñecida pero non recoñecida. Así debeu sentirse a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, cando unha señora se lle achegou para saudala confundíndoa coa presidenta de Castela-A Mancha. Era o inicio dun curioso paseo de campaña electoral do Partido Popular por Pontevedra.

A política de Valladolid percorría o centro de Pontevedra acompañada polo secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, o presidente local, Telmo Martín, o candidato do PPdeG ao Parlamento, Jacobo Moreira e a senadora popular Dolores Pan. Tampouco faltaron outros militantes do Partido Popular de Pontevedra como Lupe Murillo ou as concelleiras María José Rodríguez e Beatriz García.

Pero Soraya Sáenz de Santamaría chegaba a Pontevedra cun obxectivo en mente, o de encontrar unhas zapatillas para o seu fillo. E así se ía detendo ante os escaparates para rematar entrando en tres das zapatarías que encontrou ao seu paso. Primeiro visitou Calzados Pedestal na Oliva, despois rexeitou unhas zapatillas no establecemento Chiqui de la Michelena por resultar demasiado escorregadizas e rematou o seu periplo na tenda Pasitos, situada nos soportais da Ferrería. Alí encontrou o que buscaba: unhas zapatillas amarelas de Bob Esponja. Sacou de carteira e pagou 17 euros ao contado cun sorriso de satisfacción na cara.

Xa máis relaxada, continuou o paseo saudando a todos aqueles que se lle achegaban, turistas na súa maioría que aproveitaban a espléndida tarde para percorrer a cidade ou tomar un refresco nas terrazas. Moitos deles solicitábanlle unha foto e Soraya accedía sorrinte. Unha veciña manchega chegou a dicirlle: "mi hijo estudió Protocolo y dice que quiere hablar con usted para conseguir trabajo". Obtivo un novo sorriso por resposta.

A comitiva detívose finalmente en Casa Alcalde e alí a vicepresidenta comentou aos xornalistas que aproveitara o paseo "para conciliar porque en campaña no se tienen muchos días para hacer las compras de casa".

E foi entón cando falou de política. Asegurou que Alberto Núñez Feijóo fixera as cousas moi ben durante esta lexislatura ao fronte da Xunta e que agardaba que este proxecto poida ter continuidade para que o triunfo para Galicia sexa definitivo. Sáenz de Santamaría indicou que non considera a posibilidade de que o candidato popular quede sen maioría absoluta e afirmou que para iso están a apoialo en campaña numerosos membros do Goberno de Rajoy en Madrid. "Alberto nos ha pedido que estemos aquí ayudándole y aquí estamos", apuntou.

Arquivado en