De paseo ao cole no primeiro día de clase

Pontevedra
11 de setembro 2013

Na primeira xornada escolar, o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, analizou o programa Camiños Escolares para asistir camiñando a clase que este curso se espalla á maioría dos centros de ensino da cidade

Daniel Macenlle, intendente da Policía Local, explica os Camiños Escolares /

A idea é que os nenos acudan ao colexio andando e sen a compañía dos adultos. Con esa formulación naceron os Camiños Escolares durante o pasado curso. O colexio Álvarez Limeses foi entón o centro no que se puxo en marcha esta experiencia e, segundo o Concello, os resultados obtidos foron tan bos que neste curso a iniciativa se trasladou á maioría de centros da cidade.

Desta forma, axentes da Policía local e voluntarios que colaboran nos pasos de peóns e nos cruzamentos controlan os traxectos habituais dos escolares ás horas de entrada e saída dos colexios. O intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, achegouse neste inicio de curso ao colexio de Campolongo e mostrouse sorprendido pola cantidade de escolares e de pais que durante esta primeira xornada realizaron o traxecto andando.

"Veu moita xente a pe. Entorno a algúns colexios, o tráfico entorpecido e o caos que se montaba nas inmediacións dos colexios hoxe ía fluído como se non fora hora punta de entrada e saída dos colexios. De todas maneiras, é unha percepción inicial e haberá que esperar a que pasen os días e falar cos centros, recoller datos e despois facer valoracións con fundamento", apuntou Macenlle.

O máximo responsable da Policía Local sinalou que "o obxectivo dos Camiños Escolares é que os rapaces obteñan autonomía vindo sós. A idea é que veñan a pé e que os pais confíen na proposta". Tamén indicou que durante a experiencia no Álvarez Limeses non se notaron, a pesar dos cambios na metereología ao longo do curso, cambios substanciais entre o número de nenos que acudían andando os días de sol ou os de chuvia.

Macenlle tamén se referiu aosaparcadoiros de "servizo" que, nos próximos días, se poñerán en marcha ante os centros escolares para que os pais poidan baixar os seus fillos sen risco para os máis pequenos: "Non só é o feito de deixar o neno na calzada como se estaba a facer senón tamén o factor desas manobras de, por exemplo, mover o coche cara atrás. Non pasa nada ata que un día pasa".

Arquivado en