A exposición ‘Galicia, de Nós a nós’ reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles do outono de 2020, no que se conmemora o centenario da revista Nós. É precisamente hoxe, 30 de outubro, cando se cumpre un século de que saíse do prelo o primeiro número desta publicación, que marcaría decididamente a identidade da Galicia contemporánea.
Referente imprescindible da cultura galega do século XX, a publicación ten unha fonda conexión histórica e emocional coa cidade de Pontevedra, pois foi arredor dunha mesa da terraza do café Méndez Núñez onde Castelao, Losada Diéguez, Vicente Risco e Ramón Cabanillas plantaron o xerme da creación da revista en xuño de 1920. A Castelao, que sería o seu director artístico, débeselle tamén o simbólico título da publicación, o mesmo co que designara os debuxos do seu coñecido álbum.
Desde que o seu primeiro número saíu do prelo uns meses máis tarde, a publicación comezou un devir que esta exposición, promovida polo Goberno galego e a Deputación de Ourense, e enmarcada na programación do Xacobeo 2021, permite debullar polo miúdo.
‘Galicia, de Nós a nós’ exhibe obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que nas primeiras décadas do século XX contribuíron decididamente á renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega. A mostra exhibe ademais documentación como correspondencia, libros de contas ou recibos –dispersa por distintos arquivos e museos e reunida por vez primeira– que ilustra como nunca o desenvolvemento da revista.
ITINERANCIA EN PONTEVEDRA
Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña, ‘Galicia, de Nós a nós’ propón unha viaxe desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata os nosos días, unha viaxe que despois da súa estancia en Compostela continuará nas dúas ‘cidades Nós’ por excelencia, Ourense e Pontevedra, a onde itinerará a mostra. Na cidade do Lérez, o público poderá visitar a exposición no Museo Provincial de Pontevedra, entre o 6 de maio e o 11 de xullo do vindeiro ano.
ALGUNHAS PEZAS IMPRESCINDIBLES
A mostra permite contemplar por vez primeira a colección íntegra de todas as icónicas portadas da revista, deseñadas por Castelao, que se completa cunha instalación interactiva sobre a súa a historia, significado e simboloxía. Ao longo do percorrido, as persoas visitantes poderán ademais coñecer obras sobranceiras como a Carta Xeométrica de Galicia, elaborada por Domingo Fontán e pertencente a Otero Pedrayo.
Por primeira vez, exponse acompañada de anotacións, materiais e instrumental de campo do xeógrafo pontevedrés nado en Portas, procedente da Fundación Domingo Fontán, do Museo de Pontevedra e da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén, por exemplo, a considerada como a primeira tese de doutoramento sobre lingua galega, elaborada pola lingüista alemá e colaboradora da revista Nós, Margot Sponer; ou a escultura do Saint Jacques le Majeur, do Musée de Morlaix, peza cualificada por Castelao como a mellor peza da estatuaria bretoa relacionada coa iconografía xacobea.
Precisamente hoxe cúmprese un século de que vise a luz a revista Nós, que xermolou nunha conversa no café Méndez Núñez
Tamén obras senlleiras na historia da literatura, como os varios centos de papeletas – conservadas nunha maleta legada á Rel Academia Galega – nas que o poeta Eduardo Pondal foi redactando, ao longo da súa vida, o extensísimo poema épico ‘d’Os Eoas’, que nunca chegaría a ver publicado. Tamén o manuscrito do ‘Noiturnio do adolescente morto’, ditado por Lorca a Ernesto Guerra da Cal e cedido polo poeta andaluz a Eduardo Blanco-Amor para formar parte da edición dos ‘Seis poemas galegos’, que Nós tirou do prelo. Ademais, ‘Galicia, de Nós a nós’ reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, subscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas, que permiten rastrexar en detalle a historia da publicación.
INTERACTIVIDADE SEN CONTACTO NA ERA COVID
A exposición emprega as novas tecnoloxías como un elemento que axuda a construír o relato expositivo a través do uso de elementos interactivos, audiovisuais ou de realidade aumentada. Ademais, atendendo á situación xerada pola pandemia da covid-19 e para minimizar calquera risco de contaxio, todos os elementos interactivos da exposición empregan tecnoloxías sen contacto físico, a través de sensores de presenza e movemento.
Recrear virtualmente o campamento romano de Aquis Querquennis, mergullarse nos temas, autores e conexións internacionais da revista, experimentar coa iconografía de Nós deseñada por Castelao ou viaxar ás cidades galegas do século XIX a través da cartografía da época son algunhas das experiencias que as persoas visitantes poderán experimentar grazas ao traballo asinado pola startup galega Xoia Software Development.