"Tedes visto Big Bang Theory?". A pregunta do monitor dun dos talleres sobre electrónica creativa expresa o terreo, entre a ciencia e a diversión, en que se moven os numerosos estudantes que, durante tres días, visitarán o Recinto Feiral con motivo da duodécima edición deEdugal, o Salón da oferta de educación e formación en Galicia.
A Intelixencia Artificial, a robótica, o deseño de vídeojuegos ou o modelado en 3D preséntanse como novos sectores con saída laboral inmediata neste evento que busca orientar aos estudantes para continuar os seus estudos e desenvolver unha carreira profesional.
Ao longo de máis de 60 casetas que se presentan este ano se expoñen desde elementos artesanais elaborados con papel para darlle unha nova vida a sorprendentes nanosatélites, creados por estudantes de Telecomunicacións que forman parte do proxecto UVigo SpaceLab. A súa proposta nanosatélite BIXO será lanzado ao espazo ao gañar un concurso internacional que promove a International Austronautical Federation (IAF).
Guillermo Calvo, un dos estudantes que forma parte do proxecto, explica que se espera que o nanosatélite sexa lanzado a finais de 2024 a bordo dunha nave espacial. Xunto a el atópase Santiago Lage, outro estudante que desenvolve o proxecto dun barco propulsado por enerxía solar nunha proposta traballada por alumnado de Telecomunicacións, Industrial e Minería e Enerxía, que será presentado nunha competición en Mónaco coa intención de fomentar o uso de enerxías limpas.
Formación en idiomas; cociña a cargo do Centro Carlos Oroza; música a través do Conservatorio Manuel Quiroga; creación de vídeojuegos; desenvolvementos en 3D ou programación son algunhas das múltiples ofertas que se presentan neste evento educativo destinado a impulsar traballos con posibilidade de inserción laboral.
Neste sentido, a Formación Profesional é un dos principais eixos sobre o que se move esta edición de Edugal. Alberto Malleiro, estudante do Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, explica que o bo dos ciclos é que son moi prácticos. "Todo é moi didáctico e as prácticas nas empresas danche a oportunidade de obter traballo", engade mentres presenta os diferentes ciclos sobre imaxe persoal, fabricación mecánica, sanidade e electricidade e electrónica que presentan nesta edición. Na súa caseta obsérvanse pezas de xadrez elaboradas con metal ou bonecos para que os profesionais sanitarios realicen prácticas médicas.
O IES Luis Seoane de Monte Porreiro tamén ofrece información sobre ciclos como o de comercio e márketing ou o de xestión administrativo. Os estudantes mostran aos visitantes os traballos que desenvolven como marcapáginas con tinta procedente dunha árbore de Monte Porreiro ou unha maqueta de simulación loxística. Diego Lodeiro, estudante do centro, mostra esa maqueta deseñada polo profesorado para explicar fórmulas que faciliten o traballo de paquetería a través de sistemas de códigos de barras.
Uxía Martínez, outra estudante de Comercio e Márketing, expón que cada vez existen máis saídas para o alumnado de Formación Profesional: "axúdannos, recoméndannos para despois tamén afrontar unha carreira ou un ciclo posterior para seguir incrementando os estudos", indica para destacar o labor dos docentes.
Algúns das casetas máis demandadas son os relacionados coas Forzas Armadas ou o da Policía Nacional onde se expón diferente material, ademais de elementos audiovisuais para toda a mocidade que contemple esta posibilidade profesional. "Ensinámoslles todas as cousas boas que ten a Policía e todo o que ten relación coa profesión", indica un dos axentes que atende aos visitantes, "e non deixa de vir xente".
Edugal permanecerá aberto o mércores e xoves de 10.00 a 18.00 horas e o venres 6, entre as 10.00 e as 15.00 horas.