Só o alcalde da Lama, David Carrera, cobrará soldo polo seu traballo municipal. Será o que asuma persoalmente todas as tarefas da xestión diaria do Concello.
Para iso, manterá o mesmo salario do seu predecesor, Jorge Canda, segundo consta na proposta que o goberno municipal levará o vindeiro luns 31 de xullo ao pleno organizativo da corporación, que se celebrará ás 13:30 horas.
Non cobrarán soldo algún os tres tenentes de alcalde que arrouparán a Carrera nesta responsabilidade. Serán José Fortes, Trinidad Fernández e Andrés Cal.
Ao mesmo tempo, o alcalde asinou o decreto mediante o que varios edís asumirán delegacións de competencias, aínda que sen facultade para resolver actos administrativos que afecten a terceiros, segundo aclara o Concello.
Así, David Carrera delegou en Plácido Pillado as competencias de deportes, cultura e turismo; en Trinidad Fernández, as de muller e igualdade, mocidade e asuntos sociais; e en José Fortes, as de medio rural, gandería e agricultura.