Cunha visita á delegación de Facenda e ao edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra estreábase David Carrera como alcalde da Lama este luns. Alí preguntaba sobre varios proxectos xestionados polo goberno que anteriormente lideraba Jorge Canda.
A continuación, mantivo un encontro con funcionarios e responsables de servizos municipais na Lama mostrando o seu desexo de manter un contacto directo e permanente durante este mandato.
Precisamente, Carrera mantiña un encontro co seu antecesor no cargo e agora tenente de alcalde do Concello da Lama, Jorge Canda, para establecer a axenda de traballo co fin de realizar xestións ante a Xunta e a Deputación de Pontevedra.
Entre outros temas analizaron as obras de construción de beirarrúas no polígono industrial de Racelo; ademais da instalación de pasos elevados na estrada PO-255 en Berducido, vía na que o goberno local solicitará á Xunta de Galicia o pintado dun par de pasos de peóns, principalmente diante da entrada principal ao atrio da igrexa.
Tamén revisaron os traballos de cambio de antigas luminarias en Portomariño, na parroquia de Xesta. David Carrera espera que finalicen ao longo deste mes coa instalación de lámpadas led, que melloran a iluminación e o consumo.
O alcalde ambién trasladou as condolencias á familia do ex concelleiro Maturino Casal, que falecía nos últimos días e que fora edil de Berducido na década dos 90.