Por aclamación. Así foi elixido o alcalde da Lama, David Carrera, como novo responsable local do PP.
Sucedeu este sábado no transcurso do segundo Congreso Local, no que a militancia respaldou de xeito unánime a súa xestión municipal.
Carrera vai contar coa segunda tenente de alcalde, Trinidad Fernández Oubiña, como secretaria xeral e cunha potente xunta local conformada por preto dunha vintena de militantes.
No congreso, estivo arroupado polo presidente provincial do PP, Luis López; a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; e numerosos alcaldes e voceiros do PP do centro e do interior da provincia
O xa novo presidente substitúe ao ex alcalde falecido Jorge Canda, que foi ovacionado polos asistentes. No congreso fixéronlle importante recoñecemento á súa figura e ao seu legado.
O novo responsable debullou as súas liñas mestras para o futuro do proxecto do PP e tamén do Concello da Lama co obxectivo claro de revalidar a maioría absoluta nas eleccións municipais de 2027.
Deixou claro que un dos seus obxectivos será seguir acadando máis investimentos para A Lama no que resta de mandato.
Buscará eses fondos para mellorar as infraestruturas, os servizos públicos e a calidade de vida dos veciños, con especial incidencia no estado das estradas, o polígono de Racelo, a atención ao rural, o coidado de maiores e dependentes, a preservación dos valores naturais e do patrimonio e o asentamento dos emigrantes retornados.

Tamén engadiu que vai seguir teimando nas súas demandas ao Goberno de España no que respecta ao infrafinanciamento do concello polas repercusións socioeconómicas nos servizos derivadas do centro penitenciario, na implantación dunha axeitada cobertura de Internet e de telefonía móbil e nos fondos necesarios para a loita contra o despoboamento e o reto demográfico.
"Defenderei os intereses da Lama, desde o Concello e desde o partido, para que á nosa xente lle toque o que lle corresponde", aseverou.
Luis López lembrou con emotividade a figura de Jorge Canda e cualificou a David Carrera como "unha persoa de consensos" pola súa forma de ser e polo xeito cercano de atender aos veciños, polo que considera que tamén é a persoa idónea para pilotar o partido no futuro.