David Amor: "Hai que ser desgraciado para ir a un concurso de beleza e que che digan que es simpático"

Pontevedra
14 de decembro 2014

David López Veleiro, "David Amor" como nome artístico. Nacido en Salceda de Caselas en 1980, pero pontevedrés de adopción e vocación. Xogador de balonmán, actor, presentador e humorista, non necesariamente por esta orde, aínda que el se considera por riba de todo o primeiro. O 17 de decembro estrea serie de humor en Cuatro Televisión

David Amor na Ferraría
David Amor na Ferraría / Mónica Patxot

David López Veleiro, "David Amor" como nome artístico. Nacido en Salceda de Caselas en 1980, pero pontevedrés de adopción e vocación. Xogador de balonmán, actor, presentador e humorista, non necesariamente por esta orde, aínda que el se considera por riba de todo o primeiro. O balonmán é a súa paixón e devoción, pero facer rir dálle de comer e a iso dedícase, con éxito, case por accidente ou casualidade. Porque facer rir dáselle ben. David é un tipo próximo, afable, sempre disposto a axudar a aquel que llo solicita.

A súa estatura fíxoo chegar a ser profesional do balonmán, mesmo a proclamarse subcampión do mundo sub-18 coa selección española. A súa presenza, a poñerse diante das cámaras e alcanzar unha fama crecente. Do demais encárgase a súa "chispa" para sacar partido de situacións cotiás, para arrancar un sorriso aos que o escoitan.

Polifacético. Despois do seu paso pola TVG, Antena 3 e La Sexta, en breve arranca cun novo programa en Cuatro Televisión. De humor, claro, que o balonmán xa non vende e á fin e ao cabo hai que comer.

Que fai un xogador de balonmán contando chistes?

Pois vivir, porque o do balonmán está claro que xa non dá. No balonmán xa vivín o que tiña que vivir, cheguei ao meu tope e destas cousas da vida, rematei no que nunca pensei que ía rematar, pero aí estou.

Teucro, Bueu, Novás, Xiria, Cisne, Redondela... Xa percorriches un bo número de equipos, es un cu de mal asento?

Eu penso que non, pero circunstancias da vida me levaron a ir movéndome, primeiro porque ninguén me quería, como era moi mal xogador me foron botando, e despois non é que me fixese bo xogador, pero crecín, fíxenme alto, e cando empezaron a chamar funme onde crin que podía encarar mellor o meu futuro, logo houbo outros momentos que me movín por cirscunstancias persoais, por exemplo cando xoguei no Xiria, que vivía na Coruña. Este ano estou na SAR porque teño compañeiros alí xogando que me dixeron que fose.

Pero ti es un xogador de balonmán que se meteu a humorista, ou un humorista que facía chistes nunha pista de balonmán?

Eu son un xogador de balonmán, primeiro de todo, porque é o que levo facendo máis de media vida e que logo pasei á interpretación e o humor. Pero de feito case sempre antepuxen o balonmán á miña profesión actual, mesmo ás veces perdendo economicamente. Por exemplo, o ano que fichei no Teucro estaba a presentar un programa propio na Televisión de Galicia, pero chamoume Pillo e para min xogar no Teucro, que é o equipo da miña cidade, era o máximo, así que non o pensei, deixei a televisión e me metín no balonmán.

David López, David Amor, as dúas cousas, ou como bo galego, depende?

Depende, porque no balonmán moita xente me coñece como Veleiro, que é o meu segundo apelido. Ou sexa, que non está moi claro. Son todo iso. David sempre, e depende da hora do día unha cousa ou a outra. Pero non é máis que unha etiqueta, como se adoita dicir.

Como chegas á Televisión de Galicia? que foi, digamos, a túa rampla de lanzamento.

Si. Foi unha cousa rara. Eu empecei estudando a licenciatura de Ciencias do Deporte, aquí en Pontevedra, e de compañeira de clase tiña a María Castro, esta rapaza rubia que é unha actriz boísima. Un día falando con ela díxome que estaba nunha axencia de modelos en Vigo, e por seguir os seus pasos metinme a probar. Eu tiña moita curiosidade en xeral pola vida, por probar cousas e ver como eran. Alí facíanse moitos castings e eu fixen un, que o fixen aquí en Pontevedra no Teatro Principal para "O Rei da Comedia". Cando chamei dixéronme "isto é como Operación Triunfo, pero do humor e dormes na túa casa". Colléronme e a produtora, que tamén facía o "Supermartes" deume entrada tamen alí. Estaba Fran Hermida, que era un monologuista e o responsable de que eu estea nisto. Díxome que fora a facer monólogos con el, cousa que eu non fixera nunca e a raíz diso veu toda a madeixa.

E chegaches por guapo ou por chistoso?

"Presenteime ao concurso de Míster Galicia e déronme o título de Míster Simpatía"

Pois non o sei, porque de feito era unha cousa que eu non pensaba. Unha vez presenteime ao concurso de Míster Galicia e déronme o título de Míster Simpatía. Xa hai que ser desgraciado para ir a un concurso de beleza e que che digan que es simpático. Entón eu fun a isto do Rei da Comedia e alí tratábanme de guapo.

O do título de Míster Simpatía supoño que é como cando queres ligar cunha rapaza e che di que lle gustas como amigo.

Aí, aí. Cando pasa iso está todo perdido. Pois eu estaba nesa situación, máis ou menos.

Pero non saíu tan mal, e da TVG o salto á televisión, ás cadeas nacionais, como foi?

Pois foi no 2008, que non tiña nada que facer en Galicia e me dixen, pois vou probar a ver que é iso de traballar en Madrid. Fixen outro casting, tamén en Galicia e chamáronme da produtora Globomedia, que me querían coller. Fun a Madrid e dixéronme, que te quedas. Estiven a gravar un ano "El Club del Chiste", que foi unha experiencia marabillosa.

Pero ti como o famoso anuncio do turrón, xa que estamos nestas datas, sempre volves á casa.

"En Madrid non vivo, en Madrid traballo. Vivir vivo en Pontevedra, e iso que non son PTV, pero son un namorado desta cidade"

Si. Eu sempre digo que en Madrid non vivo, en Madrid traballo. Vivir vivo en Pontevedra, e iso que non son PTV, como se adoita dicir, pero si que son un namorado desta cidade. Pontevedra paréceme un sitio marabilloso para vivir e mentres poida aquí seguirei, vou alá a traballar pero en canto remato aquí outra vez.

E agora mesmo, proxectos novos ás portas.

Pois espero facer moitas cousas. Digamos que teño os ovos repartidos por varias cestas. O máis inmediato, e é unha primicia, é que o 17 de decembro se estrea unha serie que gravei para Cuatro Televisión, que se titula "Gym Tony", na que fago un personaxe, que estou encantado con el, porque teño que facer de parvo e iso sáeme moi ben a verdade é que me sae moi natural. ÿ unha serie de humor, de capítulos cortiños e creo que á xente lle vai gustar moito, porque con que rían a metade do que rimos nós facéndoa, será un éxito. Despois teño outra serie da que aínda non podo dicir nada, porque aínda non hai datas, na que tamén teño un personaxe fixo, para Telecinco, que a idea inicial é que se estree en xaneiro. Ademais sigo cos meus monólogos.

"O 17 de decembro se estrea unha serie para Cuatro, que se titula "Gym Tony". Fago un personaxe que estou encantado con el, porque teño que facer de parvo e iso sáeme moi natural"

Circuíto de bares e teatros non?

Efectivamente. Realmente eu se tivese que dicir o que son, sería monologuista, que é o que fago a maior parte do tempo.

ÿ agradecido, non? Aínda que algúns poidan pensar que actuar en bares é baixar un chanzo, a proximidade co público compénsao. ÿ como para un músico facer un concerto acústico.

Non é baixar, en absoluto. Pode que nalgún sitio si, pero no norte, e sobre todo en Galicia, non. Aquí e tamén en Cataluña, o público ten moita capacidade de escoitar e iso fai que ti nun bar sexas capaz de crear un ambiente como nun teatro, pero coa diferenza de que podes ser un pouco máis canalla, coa xente máis próxima e máis liberdade. A min dar o salto a nivel nacional o que me trouxo é a posibilidade de escoller un pouco máis os escenarios onde actuar e os teatros son sitios marabillosos para iso, pero si que é verdade que para o noso traballo, eu actuei en teatros para 1.600 persoas, pero para o noso non é o mellor, é moi bonito, pero nós non somos estrelas do rock. Nós traballamos co xesto e a palabra e iso nun escenario moi grande pérdese un pouco. Eu en Galicia sigo facendo bares, algúns porque xa son amigos, me apoiaron dende o principio, e de cando en vez sigo facendo esas canalladas porque é moi divertido, se pasa moi ben e é refrescante, a verdade.

Es o teu propio guionista ou simplemente limítaste a actuar interpretando o que che escriben outros?

Son o meu propio guionista, aínda que son un guionista moi vago e me custa moito escribir. Teño textos que van comigo constantemente e outros que os cambio. ÿ como un arbol, o madeiro máis ou menos está claro, pero hai ramas que vas recortando mentres nacen outras novas.

E onde queda a improvisación do monologuista?

Non. Improvisación non pode haber. Iso é unha lenda urbana. Eu xogo coa improvisación, pero é unha improvisación controlada. Se estás unha hora e media ou dúas horas nun espectáculo falando seguido ti só, tes que ter moi controlado o ritmo do espectáculo, porque se non o controlas seguramente o espectáculo será un fracaso. Si que hai certos xogos de improvisación, pero a tes controlada. Tí formulas certos xogos sabendo as posibles respostas, non sabes cal das tres van ser, pero si unha desas tres. Trátase un pouco diso, dar a sensación, que a xente sinta que estás con eles e que esa situación é única. Eu divírtome con eles, co que lles conto e se eu o paso ben supoño que algún dos que me están a escoitar tamén o fará.

"Agora xa case non se firman autógrafos, selfies todo o día. As compañías de teléfonos teñen que engadir dous botóns. Un é o de "por se acaso" e o outro o de "Selfie Nicolás""

Estanos a saír unha entrevista moi seria, así que imos rematar con dúas cousas algo máis lixeiras, como corresponde. Eu entendo que agora, coas novas tecnoloxías e as modas tamén, os famosos xa case non asinades autógrafos pero si que facedes moitos selfies.

Si, si. Selfies todo o día. Tanto que dende aquí lles digo as compañías de teléfonos que teñen que engadir dous botóns aos terminais. Un é o de "por se acaso", porque todo o mundo che fai unha foto e di "outra, por se acaso". E digo eu, por se acaso que, a ver se saímos guapos na segunda?, pois imos saír igual que na primeira. E o outro botón ten que ser o de "Selfie Nicolás", de tal maneira que así como fagamos a foto saia Nicolás de fondo, porque se non sae Nicolás non es ninguén.

E a última non pode ser outra que pedirche que nos contes o último chiste (por agora) de David Amor.

Buff. A verdade é que estes días co de Nicolás está todo copado. A ver. ÿ dunha señora que entra nunha farmacia e lle di o farmacéutico: pode venderme vostede arsénico, por favor? Pero como que arsénico se iso é un veleno, dille o farmacéutico. Si, é para matar o meu marido, respóndelle a señora. Pero como vou darlle iso para matar ao seu marido. Entón a señora ensínalle unha foto do marido e o farmacéutico dille, ah, non sabía que traía vostede a receita.