"Data histórica" para Caldas: asinado o convenio para o novo centro de saúde

Umia
04 de marzo 2025

A Xunta de Galicia, explicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ten previsto investir arredor de 7,2 millóns de euros para dotar a Caldas de Reis deste novo centro

Sinatura do convenio para o novo centro de saúde de Caldas
Sinatura do convenio para o novo centro de saúde de Caldas / Xunta de Galicia

Como unha "data histórica". Así cualificou o alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, que este martes o goberno municipal asinara coa Xunta de Galicia o convenio para a construción do novo centro de saúde, que estará en una parcela situada en Santa María.

O centro, segundo os plans iniciais, constará dun único edificio de máis de 2.800 metros cadrados, o que supón multiplicar por catro a superficie do actual, que ten ao redor de 700 metros cadrados.

Terá baixo máis unha planta e disporá dunha docena de consultas de adultos, cinco de pediatría e tres para o PAC. Ademais, haberá unha sala específica de técnicas, unha sala polivalente e unha consulta para docencia dedicada aos residentes que se forman neste centro.

Integrarase no mesmo edificio a área de fisioterapia e a área da muller, coa consulta da matrona e unha sala de educación sanitaria.

Tamén habilitaranse espazos para poder incorporar novas prestacións como a consulta do farmacéutico de atención primaria, a de traballo social e unha área bucodental con servizos de odontoloxía e hixienista dental.

Igualmente, mellorarase o punto de atención continuada incrementando os espazos de consulta e con salas de tratamentos e de urxencias e dotando ao persoal do centro con sala de estar e sala de xuntas, ademais dun despacho de coordinación para a xefatura de servizo.

A Xunta, explicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ten previsto investir arredor de 7,2 millóns de euros para proceder á elaboración, supervisión e aprobación do proxecto técnico e para contratar, dirixir e executar as obras de construción deste novo centro de saúde.

A sinatura deste convenio, segundo Pérez, é un "paso decisivo" para dotar ao municipio dunhas instalacións que son "imprescindibles" para ofrecer o servizo sanitario de calidade "que merece a poboación de toda a comarca”.

O alcalde, que estivo acompañado nesta sinatura polo tenente de alcalde, Manuel Fariña, agradeceu o traballo de todas as persoas que, nos últimos dezaoito anos, "loitaron para que o proxecto saia cara adiante", especialmente os profesionais sanitarios e as asociacións veciñais.

Jacobo Pérez comprometeu o esforzo do Concello para traballar "sen descanso" á hora de dar cumprimento coas obrigas que debe acometer a administración local para conseguir que a actuación sexa unha realidade.

Sinatura do convenio para o novo centro de saúde de Caldas
Sinatura do convenio para o novo centro de saúde de CaldasXunta de Galicia

A organización da parcela, a aplicación da bonificación do imposto correspondente ou o mantemento dos espazos unha vez rematada a obra son algunha das tarefas que asumirá Caldas de Reis, tal e como reflicte o acordo asinado coa Consellería de Sanidade.

Así, ademais de ceder os terreos libres de cargas e gravames, o Concello terá que asumir os gastos necesarios para dotar á parcela do centro de saúde de accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía ou aparcadoiro.

"Seremos o máis áxiles posibles para facilitar que a Xunta de Galicia leve a cabo a construción no menor tempo posible e evitando calquera tipo de retraso", garantiu o rexedor.

A intención do Concello é seguir traballando para que a construción deste centro de saúde se leve a cabo "no espazo de tempo máis curto posible" e que, canto antes, se poidan inaugurar unhas instalacións que "estean á altura" das necesidades do municipio.