Das aglomeracións iniciais a unha segunda xornada tranquila de vacinación no Recinto Feiral

Pontevedra
07 de abril 2021

Co fin de facilitar o bo funcionamento do operativo de vacinación, dende a Policía Local de Pontevedra fan un chamamento a todos aqueles que estean citados para a vacinación no Recinto Feiral de Pontevedra, para que traten, na medida do posible, de axustarse á hora citada e así evitar aglomeracións

Exterior do Recinto Feiral na segunda xornada de vacinación masiva
Exterior do Recinto Feiral na segunda xornada de vacinación masiva

A vacinación masiva destes días en Pontevedra por parte do Servizo Galego de Saúde(Sergas) que comezou esta semana, presentaba na mañá deste mércores unha estampa totalmente diferente á vista este martes.

Durante a primeira xornada, na tarde do martes, desta vacinación masiva no Recinto Feiral de Pontevedra presentouse un panorama confuso xa que moitas persoas chegaban antes da hora e acumulouse moita xente á entrada provocando aglomeracións.

Segundo comentou Juan López, axente de Protección Civil que se atopaba esta mañá no Recinto Feiral de Pontevedra, "puido deberse a que as persoas teñen medo de que non cheguen as doses da vacina, cousa que é imposible xa que hai suficientes para vacinar a todos os citados".

López comentou que se solucionou este problema con celeridade xa que se montou un dispositivo conxunto entre axentes da Policia Local e de Protección Civil e as persoas colaboraron cumprindo todas as medidas establecidas. Esta máña a situación continuaba tranquila, sen acumulación de xente á entrada, seguindo as súas quendas e respetanto todas as normas que se lles trasladaban antes, durante e despois de ser vacinados.

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés o Sergas ten previsto vacinar a unhas 9.000 persoas, no Recinto Feiral do Pazo da Cultura e no recinto vilagarcián de Fexdega.

Co fin de facilitar o bo funcionamento do operativo de vacinación, dende a Policía Local de Pontevedra fan un chamamento a todos aqueles que estean citados no Recinto Feiral de Pontevedra, para que traten na medida do posible de axustarse á hora citada para evitar aglomeracións. 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo sobre as aglomeracións que se regularon cando se limitou a entrada a aquelas persoas que tiñan hora de cita próxima. "Había xente con cita para hoxe e xa estaba onte". Quitando este atranco, o conselleiro comentou que as vacinacións masivas están a ser todo un "éxito".

No caso da vacinacións con AstraZenecason para os nados entre 1956 e 1961, que recibiron e recibirán a vacina de xeito masivo entre este martes día 6 e durante hoxe, mércores 7, en horario de 09:00 a 14:00 horas e 16:00 a 21:00 horas. Segundo confirmaron as autoridades sanitarias foron citadas 5.350 persoas para recibir esta vacina durante estes dous días.

 

VACINADOS CON ASTRAZENECA

Á saída do Recinto Feiral atopábanse na mañá deste mércores as persoas que acaban de recibir a vacina de AstraZeneca entre as que había diferentes opinións, dende os que estaban encantados de recibir a vacina e agardaban con moitas ganas, ata os que non as teñen todas da súa parte porque están asustados.

"En principio estou moi contento aínda que viña no coche escoitando a radio e comentaban que en Castela a León acaban de cancelar a vacina con AstraZeneca" aseguraba un home vacinado durante esta máña. "Moi ben organizado, todo perfecto, con moita distancia entre as persoas, moi contenta de recibir a primeira dose e á espera da segunda" confirmaba outra das persoas vacinadas á saída do recinto con respecto á organización e á vacina recibida.