Daría González dá nome ao antigo CEIP Príncipe Felipe

Pontevedra
02 de xuño 2020

O cambio de nome foi proposto polo claustro de profesores, quen elixiu a Daría González por ser unha pontevedresa, mestra e que participou activamente na vida galega, malia ser un nome pouco coñecido. Nestes días, o centro traballará arreo para proceder ao cambio de placas e demais elementos identificativos

Cidade Infantil Príncipe Felipe (arquivo)
Cidade Infantil Príncipe Felipe (arquivo) / Mónica Patxot

A dirección do xa extinto CEIP Príncipe Felipe recibiu a comunicación da Consellería de Educación na que se lle informa da entrada en vigor da nova denominación como CEIP Daría González García.

O pasado 20 de maio publicábase no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se autorizaba o "cambio de denominación específica" do colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Príncipe Felipe á nova denominación: colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Daría González García.

Este inicio do mes de xuño implicará para a dirección do centro poñerse coa tarefa de adaptar toda a documentación ao novo nome, así como proceder ao cambio de placas e demais elementos identificativos.

"Foi unha solicitude que se fixo desde o claustro de profesores e a dirección", explica a preguntas de PontevedraVivaa directora Elvira García Sumay, quen engade que "Príncipe Felipe era un nome que estaba obsoleto e queriamos co tema da igualdade e da promoción da muller, poñerlle o nome dunha pontevedresa".

Manexáronse varias opcións, pero finalmente Daría González foi a persoa elixida "porque foi mestra e unha muller implicada na cultura galega". A continuación, "propuxémolo á Deputación, que aceptou, e logo foi ao Consello da Xunta, que tamén aceptou", engade a directora.

O CEIP Daría González está situado dentro do complexo de Príncipe Felipe, onde tamén comparte instalacións co Centro de Educación Especial (CEE) Pontevedra, que antigamente tamén se denominaba Príncipe Felipe.

O edificio, mantemento, zonas comúns, limpeza e conserxería están xestionados pola Deputación de Pontevedra pero a planificación educativa, profesorado e demais recursos humanos e materiais depende da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

DARÍA GONZÁLEZ GARCÍA

Daría González García (1916–1999) forma parte da historia de Pontevedra e así se destacaba na biografía incluída no proxecto ‘Do gris ao violeta’ e que se pode consultar na web: www.dogrisaovioleta.gal e nos programas ‘Do gris ao violeta’ en PontevedraViva Radio.  

Entre outros datos, apúntase a súa pertenza a unha familia pontevedresa, republicana e progresista. Licenciouse en Filosofía e Letras, sección de Historia, na Universidade de Santiago en 1935. Militou no Partido Galeguista desde 1932 ata 1983 e por causa dos antecedentes políticos non puido participar nas oposicións de adxunto de Instituto. Presentouse á Administración do Estado, formou parte da primeira promoción de mulleres Técnico Civil e adscribouse á Inspección de Traballo de Pontevedra. Cursou os estudos de Maxisterio e graduouse en 1949.

Casada con Francisco Cerviño Xesteira, avogado republicano, participou en 1950 na fundación do Colexio da Inmaculada, onde impartiu docencia até 1954. Logo exerceu como ensinante nos institutos de Marín e de Pontevedra.

Nas primeiras elección democráticas, foi elixida concelleira por Unidade Galega e desempeñou o cargo de tenente de alcalde de Cultura entre 1980 e 1983.

Foi socia protectora do Seminario de Estudos Galegos, fundadora da Fundación Alexandre Bóveda, integrante da Fundación Castelao e vinculada ao Museo de Pontevedra. Nos seus últimos anos, recibe os premios Cidade de Pontevedra e Amigos de Pontevedra, polo seu compromiso coa cidade e con Galicia.