A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladou este sábado o seu agradecemento á dirección e ao persoal de Príncipe Felipe "pola extraordinaria resposta de todos os servizos do centro de menores e pola estrita aplicación dos protocolos, ante o primeiro caso de sospeita dun contaxio dun neno que, finalmente, deu negativo no test de coronavirus".
Silva recoñeceu que "estas últimas 24 horas foron complicadas ante a posibilidade de que existira un contaxio, pero sabíamos que os protocolos que aplicamos no centro desde o primeiro día da crise sanitaria funcionarían correctamente como ten sido. Coñecemos esta mesma mañá que o test que se lle practicou ao neno deu negativo e todas e todas estamos moi contentos".
"O resto das nenas e nenos atópanse ben e o persoal segue a traballar ao 100%, establecendo o seu traballo por quendas", dixo a presidenta, que engadiu que "amais dos protocolos propios, estanse a seguir todas os plans, actuacións e pautas indicados por Política Social.
"Sabemos que non existe o risco cero, pero estamos en continua alerta aplicando todas as medidas preventivas", engadiu.
O caso sospeitoso que se detectou este venres correspondía a un neno de 14 anos, do centro residencial Agarimo, que presentaba un cadro de infección respiratoria. Tras a revisión e valoración do persoal médico do centro, o neno foi trasladado á zona de illamento para posibles casos, xa habilitada desde o comezo da crise, e contactouse cos servizos de medicina preventiva que consideraron adecuado facerlle a proba do COVID19. O caso foi comunicado ao persoal que estaba en contacto diario co menor e trasladouse a súa familia que o rapaz fora tido posto en illamento preventivo. A proba foi realizada na tarde do venres e os resultados, que deron negativo en coronavirus, se trasladaron esta mañá ao persoal médico de Príncipe Felipe.