Verduras, hortalizas e froitas frescas, da horta e ecolóxicas; produtos de cosmética natural; incenso e todo tipo de herbas aromáticas; flores... Todo produto de proximidade para fomentar e garantir un consumo responsable. Esa é a oferta que se atoparon este mércores todos os cidadáns que se pasaron pola praza de Barcelos.
Seis postos ocupaban un parte da praza e, desde que abriron ao público ás cinco da tarde, o goteo de clientes foi constante, especialmente atarefado a media tarde. Era a segunda xornada deste mercado promovido pola asociación 4 Ponlas de produtores locais e ecolóxicos e, tras un primeiro día pasado por auga, este mércores de sol deixou unha afluencia masiva.
Este mercado chegou para quedar. Fernando Filgueira, de 4 Ponlas, explica que a súa intención é instalarse cada mércores a partir de agora, de 17.00 a 21.00 horas, como complemento á actividade que estes mesmos produtores xa teñen cada sábado pola mañá, de 9.00 a 14.00 horas, na rúa Serra, ante a praza de abastos.
Ata a pandemia da covid-19, colocaban os seus postos en sábados alternos na praza do Hospital Provincial, na rúa Loureiro Crespo, pero, superada a crise sanitaria, non o retomaban e, para esta nova etapa, presentan nova localización.
A praza do Hospital está actualmente moito máis chea que entón e non se adaptaba ás súas necesidades e, con autorización municipal, optaron por esta céntrica localización de Barcelos. A zona está actualmente en obras, pero a esquina na que decidiron instalarse está libre de maquinaria ou ruído e permítelles, ao mesmo tempo, beneficiarse un emprazamento céntrico e axudar a dinamizar a zona.
No seu segundo mércores faltaron dous postos que se prevé que sexan permanentes, pero a oferta resultou suficiente par atraer á clientela. "Estamos sempre buscando onde comprar vexetais locais e aquí hai de todo. Cando vin isto, dixen: perfecto", explicou Iciar, cunha bolsa chea de verduras e hortalizas.
Acudiu "á mantenta" e xa confirma: "Volveremos". E é que, tras unha tempada vivindo en Londres, ao asentarse en Pontevedra botan de menos un lugar no que atopar algúns vexetais pouco habituais e este mércores entre os postos de Barcelos localizaron algún que facía "moitísimo" que non vían.
Na súa bolsa levaba leituga italiana, albáfega asiática, unha mestura de ensaladas de brotes tenros e unha chea de verduras e hortalizas que, antes de probar, xa sabía que a animaría a repetir. "Nada disto é fácil de atopar".
Filgueira explica que optaron por instalalo en mércores porque se trata dun día intermedio entre os sábados que xa están na rúa Sierra e porque algúns dos produtos que venden colléitanse máis dunha vez á semana. A idea de montar pola tarde busca "dar oportunidade á xente que traballa polas mañás para que poida comprar".
Entre os produtores hainos locais, como o propio Fernando Filgueira, que cultiva as súas verduras e hortalizas en Lérez, e outros de Bueu, Marín, Vigo ou Vilagarcía. Cada un da súa zona, pero todo "produto local fresco e ecolóxico certificado".
Ademais do produto fresco, Filgueira vende tamén marmelada caseira con produtos cultivados por eles. Oferta similar ten o posto 'Tiendita de Estela', de Bueu, que este mércores tivo como produto estrela o aguacate, pero ofrecía unha ampla variedade de vexetais, marmelada e salsas.
Diferente, pero complementaria, é a oferta de Fabiola, unha produtora de Marín que vende incensos que fabrica ela mesma utilizando produtos dos seus compañeiros. Romero, lavanda... todo local e que achega un extra de cheiro aos seus produtos, entre os que non falta o Pau Santo que trae de Perú e incensos tan intensos que "unha vez que o probas, dásche conta de que é natural e xa non queres comprar outra cousa". Agora, ten clientes habituais que só queren o que ela elabora.
Natural de Paraguai, presume de elaboracións naturais e de que "mesturo un pouquiño de Galicia con Sudamérica". O resultado véndeo por mercados e feiras de proximidade.