Da Antártida a Santiago: unha ruta xacobea de 14.075 quilómetros

Pontevedra
19 de novembro 2015

A 13.000 quilómetros de España, a 1.000 quilómetros do lugar poboado máis próximo, con 30 persoas convivindo nun espazo de 241 metros cadrados, cunha sensación térmica que pode chegar aos 16 graos baixo cero. Así pasarán dous meses e medio os 13 militares de Exército de Terra que se suman á Campaña Antártica 2015-2016. Este ano estará baixo mando dun comandante da Brilat

Presentación da Campaña Antártica 2015-2016 do Exército en Pontevedra
Presentación da Campaña Antártica 2015-2016 do Exército en Pontevedra /

A 13.000 quilómetros de España, a 1.000 quilómetros do lugar poboado máis próximo, con 30 persoas convivindo nun espazo de 241 metros cadrados, cunha sensación térmica que pode chegar aos 16 graos baixo cero. Así pasarán dous meses e medio os 13 militares de Exército de Terra que se suman á Campaña Antártica 2015-2016, a misión no exterior máis antiga de España, coa que proporciona apoios loxísticos á investigación de distintas institucións científicas e mesmo artísticas e que este ano estará baixo mando dun comandante da Brilat e terá tres galegos.

O 1 de decembro poñerán rumbo á Antártida e o día 17 prevén abrir a base Gabriel de Castela, situada na Illa Decepción, un volcán activo no Arquipélago das illas Shetland do Sur, pero antes de partir presentáronse en sociedade nun acto celebrado na Casa das Campás de Pontevedra que o xefe da base, o comandante Antonio Salas, tamén aproveitou para dar a coñecer unha das principais novidades da campaña 29: inaugurar unha ruta xacobea que terá a súa orixe a 14.075 quilómetros de Santiago de Compostela. 

A ruta será o itinerario máis longo de todos os que hai no Camiño de Santiago e aparecerá sinalizado cun indicador de material "bastante duradeiro" que xa lles entregou a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, entidade impulsora da iniciativa. Ademais, izarán unha bandeira na base Gabriel de Castela que posteriormente se expoñerá nun museo e os responsables da misión dispoñerán de documentos coa Compostela que entregarán tanto a todos os militares participantes como aos científicos que utilicen as instalacións e todo o persoal que poida achegarse ás mesmas durante o tempo que dure a misión. Poderán ir selándoa en aeroportos e portos ata chegar a Santiago.

A base estivo aberta na última misión 86 días e nesta ocasión abrirá entre o 17 de decembro e o 28 de febreiro de 2016. Durante este tempo non é habitual que moita persoa allea a proxectos científicos e universitarios se achegue a Illa Decepción, de modo que será "un camino para muy pocos". Aínda así, o comandante Salas destaca a importancia de que se abra esta nova ruta.

Para darlle continuidade a esta ruta, en 2016, unha vez que termine a misión, os militares participantes e outro persoal da Armada e do Exército de Terra percorrerán o último tramo do camiño. Algúns sairán da Escola Naval de Marín, outros da base General Morillo de Figueirido e xuntaranse en Pontevedra, onde subirán nun barco para percorrer a Ruta do Mar de Arousa ata Padrón. Os últimos 22 quilómetros do itinerario farano a pé ata a Catedral. 

A misión antártica ten como misións manter a presenza de España no territorio antártico, proporcionar apoio loxístico á investigación científica e realizar proxectos de interese para o Exército. Durante a presentación da campaña en Pontevedra, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou que "sen o Exército sería imposible" desenvolver todos os proxectos de investigación desenvolvidos por España na Antártida. Este ano tamén haberá un proxecto artístico. 

O xeneral xefe da Brilat, Luís Cebrián, destacou que se trata dunha "misión difícil" na que un dos retos é a"convivencia prolongada en un espacio reducido", de modo que é esixente a nivel profesional, pero tamén na súa vertente humana. O xestor do Programa Nacional de Investigación Polar, Luís Antonio Quesada, destacou a dificultade crecente que se están atopando as sucesivas misións para acceder á base pola acumulación de ata tres metros de neve que sepultan os módulos.