Cuspedriños celebra este domingo a súa tradicional Rapa das Bestas

Cerdedo-Cotobade
03 de agosto 2024

A actividade desenvolverase durante toda a xornada, comezando sobre as 12:00 horas coa subida das bestas do peche de Viascón ata o Curro de Cuspedriños onde se comezará a facer a separación dos poldros, tarefa na que colaborarán tamén os rapaces

Presentación do programa de actividades da Rapa das Bestas de Cuspedriños
Presentación do programa de actividades da Rapa das Bestas de Cuspedriños / Concello de Cerdedo-Cotobade

Este domingo 4 de agosto regresa a Cuspedriños a tradicional Rapa das Bestas.

Segundo anunciaron o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o tenente de alcalde Fernando Vázquez e membros da comisión organizadora, a actividade desenvolverase durante toda a xornada, comezando sobre as 12:00 horas coa subida das bestas do peche de Viascón ata o Curro de Cuspedriños onde se comezará a facer a separación dos poldros, tarefa na que colaborarán tamén os rapaces.

Sobre as 14:00 horas terá lugar a comida campestre a cargo de Pilar Fuchela. O menú pechado consistirá en polbo á feira, churrasco, sobremesa e café, cun precio de 35 euros persoa adulta e 17 euros menores de 12 anos). Para inscribirse no xantar hai que facelo chamando aos teléfonos 677 161 957 e 690 02 77 87.

Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, dará comezo a tradicional Rapa das Bestas, na que pode participar calquera persoa que o desexe "tomando unhas mínimas medidas de seguridade e respectando en todo momento aos animais e mantendo un comportamento cívico".

Por outra banda, nesta cuarta edición a xornada contará coa presenza dos 'instagramers' Enrique Rodríguez (@kike_riasbaixas); Marina Cabrero (@marina_coso); Rashadboleh (@rashadboleh), e con Guillermo Carracedo Robelo (@guillermocarracedo), médico e deportista campión de Europa e 5 veces de España en Paddle Surf.

Durante a presentación do evento, o alcalde de Cerdedo-Cotobade felicitou aos membros da comisión organizadora polo traballo realizado no coidado e promoción do mundo do cabalo e por "manter vivas as nosas tradicións que nos definen como pobo e que nos fan sentir moi orgullosos".