Este luns, sobre as sete e media da tarde, os axentes da Policía Local da Illa de Arousa foron alertados por varios veciños de que un home atopábase alterando a orde pública no lugar do Xufre realizando manobras bruscas co seu vehículo e dando mostras claras de atoparse ebrio.
Ao chegar ao lugar os policías procederon á identificación deste individuo comprobando na base de datos que tiña pendente unha requisitoria xudicial de procura, detención e ingreso en prisión, polo que procederon ao seu arresto.
Ademais, a Policía Local da Illa de Arousa realizoulle as probas de detección de alcol e drogas, lanzando un resultado de alcoholemia positiva de 0,98 miligramos por litro en aire expirado e tamén deu positivo en cocaína.
A maiores da detención indicáronlle a este suxeito que estes feitos tamén son constitutivos dun delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo de motor cunha taxa superior a 0.60 miligramos por litro de aire expirado.
No que incumbe ás drogas, a Policía Local remitiu as probas ao laboratorio para maior garantía. Se se confirma o resultado positivo supoñerá unha sanción económica de mil euros e a retirada de 6 puntos do carné de conducir.
Pero as incidencias non terminaron aquí. Mentres se atopaba detido este home mostrou unha total falta de respecto e consideración cara ao policía, actuando de maneira arrogante, provocativa e insultante. O arrestado chegou a ameazar ao axente municipal dicíndolle: "métoche unha patada na cabeza que te deixo parvo", "estás sentenciado", "estás rojo, a ver se o que bebeches viño foches ti" e tamén cuspiu ao policía.
Por estes feitos cursouse a denuncia administrativa á Subdelegación do Goberno de Pontevedra que carrexa unha sanción de ata 600 euros.
Para completar o informe deste caso, os axentes tamén detectaron que o vehículo que conducía o detido carece de ITV polo que se remite a denuncia á Xefatura Provincial de Tráfico, que suporá unha multa de 200 euros; e ademais as dúas rodas dianteiras do vehículo atopábanse totalmente gastadas e sen banda de rodadura, polo que por cada roda tramítase unha infracción administrativa de 200 euros.