Os veciños do barrio pontevedrés de San Antoniño non saían do seu asombro ao ver a un xabaril paseando pola rúa.
Os primeiros sorprendidos foron os traballadores e consumidores da cafeteria Lelé II que viron baixar ao animal pola rúa Casimiro Gomez.
Roldaban as 22 horas cando lles pasou por diante o animal "paseando pola rúa coma se nada" en direccion ás escaleiras que van dar á Rúa Altamira.
Quedaron asombrados ao ver ao xabaril tan lonxe do seu hábitat. "Se estivésemos en Lérez, vale, pero atopalo por aquí impáctache. Por sorte non había xente xa paseando pola rúa e o xabaril non se sentiu acurralado", afirman as testemuñas.
Unha das clientas do bar chamou ao 112, pero cando chegou a Policía Local non o puido atopar pola zona.
Quen si o atopou foi Iago Barcala, ás 23:30, cando volvía para a súa casa pola rúa Altamira. Pareceulle escoitar un ronquido dun porco e ao mirar, alí estaba deitado o xabaril durmindo na porta do zapateiro.
"Se chego a casa e digo aos meus pais que vin un xabaril van pensar que estou tolo. Por iso chameinos para que o viran. A miña nai desde a xanela non o cría", destaca Iago. "Pero o xabaril non facía nada, que pasou por diante do meu pai e todo". Preocupado por se asustaba a algún viandante máis, chamou á Policía Local.
Á volta da medianoite, os traballadores da cafetería Lelé II volveron ver como o animal baixaba pola rúa Antón Vilar Ponte, e pasando de novo pola cafetería, desapareceu na Rúa da Seca, onde hai uns días Jacobo Soler xa se atopou un xabaril durmindo.