Cuntis xestionará o programa de atención temperá para menores con trastornos de cinco municipios

Barro
04 de agosto 2018

A Consellería de Politica Social concedeu un importe de 18.881 euros, o 90% do orzamento destinado a atender neste programa a menores de seis anos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos

Campaña sobre autismo
Campaña sobre autismo

A Consellería de Política Social concedeu 18.881 euros, o 90% do orzamento do programa de Atención Temperá que se vai a desenvolver nos municipios de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas. O Concello de Cuntis será o encargado da xestión desta iniciativa.

Esta atención vai dirixida á poboación infantil menor de 6 anos e á súa familia e contorna. O obxectivo é dar resposta canto antes ás necesidades que presentan os menores con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

Búscase favorecer a autonomía persoal e a inclusión social. Desde este servizo ofrécese unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais.

Está prevista a creación dunha unidade de Apoio Familiar e Atención Temperá e de Desenvolvemento Infantil formada por un equipo integrado por tres profesionais de psicoloxía ou psicopedagoxía, logopedia e terapia ocupacional ou fisioterapia, con formación específica en materia de desenvolvemento infantil e apoio familiar.