Cuntis volverá viaxar ata a Belle Epoque este sábado 28

Umia
25 de setembro 2024

A programación comezará ás 12.00 horas coa inauguración dos espectáculos na rúa, con circo de época, o habitual Mercado de Artesanía (no que se poderán adquirir diferentes produtos de gran calidade) ou as exposicións de fotografías antigas e de coches de época

IV edición da Festa da Belle Époque en Cuntis
IV edición da Festa da Belle Époque en Cuntis / PontevedraViva

Cuntis volverá viaxar no tempo ata os anos 20 e a Belle Epoque. Este sábado 28 de setembro celebrará a décima edición da festa máis histórica da vila. 

A programación comezará ás 12.00 horas coa inauguración dos espectáculos na rúa, con circo de época, o habitual Mercado de Artesanía (no que se poderán adquirir diferentes produtos de gran calidade) ou as exposicións de fotografías antigas e de coches de época.

Ás 13.00 horas poderase facer un repaso á historia do Convento das Nais Benedictinas, a través da actividade 'Máis de 100 anos camiñando ao noso convento', Inclúe a venda de produtos de Luísa Treviño.

A música terá tamén un marcado protagonismo. A primeira actuación está prevista para as 13.30 horas, a modo de sesión vermú, a cargo da formación Pequeña Gran Compañía.

Xa pola tarde, ás 16.30 horas comezará un dos grandes atractivos para os máis cativos e cativas, como é a actuación do Mago Pago. Posteriormente, ás 17.30 horas, terá lugar o Desfile de Época, outra das citas que marcan a programación da Festa da Belle Epoque.

Pola tarde será a actuación a cargo do Grupo de Acordeóns de Cuntis e pola noite, o broche ao programa o porá a tradicional Cea-Baile, desde as 21.30 horas, no Hotel Balneario. A velada estará amenizada con música en directo, grazas á actuación de The Bichos Jazz Band, e posterior sesión DJ.

Pódese obter máis información sobre estas actividades chamando aos números de teléfono 655258410 ou 666490869.​

O Concello destaca que a Festa da Belle Epoque chega á súa décima edición "plenamente consolidada como un acontecemento que atrae a un gran número de participantes". 

Segundo destaca o Concello, unha das chaves do seu bo funcionamento é a súa programación, que "destaca pola súa variedade e amplitude e que está pensada para o goce de persoas de todas as idades, crianzas incluídas".