O Concello de Cuntis intégrase na campaña "En negro contra as violencias" xunto a outros 71 concellos e a tres das deputacións provinciais, con actividades entre os días 23 e 26 de novembro, ademais de dúas concentracións o día 24 ás 12.30 horas, unha diante da Casa do Concello e outra no C.P.I. Aurelio Marcelino.
Dentro desta campaña, as propostas inclúen actividades a realizar en todos os niveis da comunidade educativa sobre detección e rexeitamento de materiais e contidos sexistas, promoción de xogos, xoguetes e libros igualitarios, novas masculinidades e feminidades e prevención da violencia na parella. Tamén se desenvolverá un concurso escolar de carteis 'Datas pola Igualdade'.
Ademais faranse obradoiros sobre as relacións afectivas en igualdade para a mocidade e diversas actividades formativas para o persoal do centro de saúde e do Concello. O 25 de novembro, pola tarde, terá lugar o III Concerto de Corais a favor da igualdade e contra a violencia de xénero no que está prevista a participación da Escola de Teatro de Cuntis.
Por outra banda, desde o Programa Cuntilín organízanse diversas actuacións específicas durante as semanas do 13 ao 24 de novembro. Inclúen actividades para toda a poboación como os contacontos na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres o día 17 de novembro e un taller para nais e pais ás 20.00 horas no Salón de acto do colexio.
A programación finalizará o sábado 2 de decembro coa Xornada Muller e Saúde, dirixido a persoas que queiran ter máis coñecementos sobre a menopausa, a osteoporose, a prevención xinecolóxica, ademais de ofrecerse recomendacións sobre boa alimentación e exercicio físico.