Cuntis solicita á Deputación a reforma integral da estrada provincial entre Portela e Souto de Vea

Umia
06 de febreiro 2023

O tráfico nesta estrada, alternativa á autopista e aos atascos en Padrón, preocupa ao alcalde, Manuel Campos, que solicitou actuacións en varias carreteras provinciais

Manuel Campos e Gregorio Agís
Manuel Campos e Gregorio Agís /

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, solicitou ao deputado provincial Gregorio Agís a actuación en diversas estradas de titularidade provincial para mellorar a accesibilidade e a seguridade dos peóns, así como unha reforma integral da EP-8401, que une os lugares de Portela e Souto de Vea.

A intención da Xunta de ampliar a autovía ata A Estrada supón unha oportunidade que Cuntis quere aproveitar para que este vial, utilizado diariamente por unha media de 3.000 conductores, como estrada alternativa para ir a Santiago, sexa obxecto dunha remodelación global, mellorando tanto o firme como as condicións para os peóns. Gregorio Agís se comprometeu a traballar nesta liña. 

"Cada vez son máis os coches que circulan por esta carretera tratando de evitar as peaxes da autovía e os atascos que se rexistran habitualmente en Padrón. E non está en condicións para absorber con garantían tanto volume de tráfico", explica Manuel Campos, que lle trasladou ao deputado provincial a preocupación do goberno local pola seguridade..

O alcalde de Cuntis expuxo tamén a situación da EP-8402, no lugar de Cardecide na parroquia de Hermida, donde a Deputación xa ten adxudicada unha obra de mellora nas cunetas deste vial, que comezarán a executarse en breve.

Na EP-8404, na Anllada, o alcalde de Cuntis solicita da Deputación o remate das beirarrúas e na zona de Arcos de Furcos solicita unha mellora de mobilidade peonil e accesibilidade na Praza de San Breixo, eliminando todas as barreiras arquitectónicas e convertindo ese ámbito nun punto de encontro veciñal accesible.

"Revisamos tamén os traballos na rúa da Palma, que están xa a piques de rematar. Confiamos en que en breve estes proxectos estén todos en marcha e poidamos avanzar na línea da accesibilidade en toda a rede viaria que percorre o municipio", apunta Manuel Campos.