O Concello de Cuntis quere poñer en valor o numeroso patrimonio rupestre que hai no seu municipio. E por iso, un dos primeiros pasos será sinalizar todos estes lugares.
Así, o proxecto que foi presentado polo goberno municipal á Deputación de Pontevedra permitiulle optar unha subvención de 2.250 euros. Eses cartos serán destinados ao comezo da nova sinalización do patrimonio rupestre.
Con esta primeira achega orzamentaria, serán sinalizados os petróglifos de Laxe dos Homes, Outeiro do Forno da Tella e o de Cartas.
Ademais, estase procedendo á limpeza do acceso e da zona onde se sitúan os distintos petróglifos do concello, tras recibir o pertinente permiso da Dirección Xeral de Patrimonio, co obxectivo de manter en bo estado o patrimonio do concello e de levar a cabo un plan que permita mellorar todo o seu potencial patrimonial e turístico.
Cuntis promocionará, por outra banda, todo o seu patrimonio rupestre do 2 ao 4 de decembro durante a feira Culturgal que se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra.