As reservas na carpa do Lacón con Grelos superan xa a metade do aforo

Umia
05 de marzo 2025

O Concello de Cuntis lembra que o prazo para facer as reservas permanecerá aberto ata este mércores 5 de marzo, inclusive

Festa do Lacón con Grelos 2024
Festa do Lacón con Grelos 2024 / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis informa de que aínda segue aberto o prazo para realización de reservas para a degustación de racións no día grande da Festa do Lacón, que terá lugar o vindeiro domingo 8 de marzo.

As persoas interesadas en gozar con este prato típico da nosa gastronomía aínda poderán anotarse ata este mércores 5 de marzo, inclusive.

As peticións poden realizarse chamando ao número de teléfono 986 533 600.

O prezo será de 20 euros por ración, que inclúe o tradicional lacón con grelos, chourizo e patacas, ademais de sobremesa e bebida.

Desde a Concellería de Turismo e Cultura lémbrase que non se poderán solicitar tickets para degustar lacón na carpa o propio día da festa, polo que resultará imprescindible realízalo no devandito prazo.

Asi mismo, tamén se recorda que as reservas deberán facerse con números pares.

As xestións avanzan a moi bo ritmo, superándose xa o 50% de demanda das 2.000 racións que se teñen previsto despachar na carpa.

A maiores, non hai que esquecer que durante a festa son numerosos os establecementos da vila que tamén ofrecen lacón con grelos no seu menú, feito que consolida a este evento como un dos grandes motores dinamizadores de Cuntis desde o seu nacemento a finais dos anos 90 do século pasado.

O Concello de Cuntis dispón nas súas redes sociais oficiais de toda a información relacionada coa programación do evento, que tamén incluirá o concerto do grupo OBK o sábado 7, ademais do Enterro do Chapante o venres 6, entre moitos outros atractivos.