Cuntis repara os viais do municipio danados durante o inverno

Umia
29 de xuño 2021

Os temporais do pasado inverno deterioraron o firme de máis de medio cento de vías e camiños rurais de Cuntis. De aí que, a través dunha achega do Plan Concellos da Deputación, o goberno municipal vaia a destinar uns 150.000 euros para acondicionalos

Arranxo dun camiño en Cuntis
Arranxo dun camiño en Cuntis / Concello de Cuntis

Os temporais do pasado inverno deterioraron o firme de máis de medio cento de vías e camiños rurais de Cuntis. De aí que, a través dunha achega do Plan Concellos da Deputación, o goberno municipal vaia a destinar uns 150.000 euros para acondicionalos.

Estas obras de emerxencia contemplan arranxos en 55 pistas e consistirán en solucionar as deficiencias do firme existente nos accesos onde se detectaron danos mediante bacheo, dobre rega asfáltica e nalgún caso tripla rega asfáltica, debido ao mal estado en que se atopan.

Tamén se executará naquelas zonas onde se considere preciso unha limpeza en profundidade de cunetas, debido aos danos causados polos arrastres provocados fortes chuvias nas drenaxes de zonas de auga baixo o firme.

O alcalde, Manuel Campos, explicou que as obras afectarán a oito parroquias do municipio.

"Considerámola unha intervención moi importante que vai servir para mellorar o estado e de moitos quilómetros de pistas, tal e como demandan os veciños e veciñas", engadiu o rexedor.