Cuntis reforza os controis para facer cumprir as restricións de mobilidade

Umia
30 de xaneiro 2021

A Policía Local de Cuntis e a Garda Civil reforzarán os controis de seguridade para controlar e detectar os incumprimentos das restricións vixentes pola pandemia da covid-19. O Concello tomou a decisión de extremar a vixilancia tras detectar "importantes episodios" de mobilidade sen estar xustificada

Control da Policía Local de Cuntis
Control da Policía Local de Cuntis / Concello de Cuntis

A Policía Local de Cuntis e a Garda Civil reforzarán desde esta tarde os controis de seguridade para controlar e detectar os incumprimentos das restricións de mobilidade vixentes pola pandemia da covid-19.

Desde o goberno municipal recordan que os controis afectarán tanto ás persoas que dende Cuntis se desprazan fóra do termo municipal, como ás que entren sen causa xustificada.

Ademais, tamén se controlarán os desprazamentos dentro do municipio, que están limitados para evitar as reunións sociais.

O Concello tomou a decisión de extremar a vixilancia tras detectar "importantes episodios" de mobilidade sen estar xustificada

"Dado que a situación epidémica non é boa e dista moito de mellorar, é preciso redobrar esforzos neste tipo de controis coa fin de detectar e denunciar estes incumprimentos", explican o goberno municipal, que pide á veciñanza "máxima responsabilidade".