Cuntis recoñece a un mítico da súa hostalería, o Café Quico, no inicio da XXV Festa do Lacón con Grelos

Umia
29 de febreiro 2024

O establecemento, con máis de cen anos de andaina, é un establecemento mítico na hostalería local e recibirá a homenaxe este venres 1 de marzo

Antonio máis Esther Alonso, pai e filla, no Café Quico
Antonio máis Esther Alonso, pai e filla, no Café Quico / Concello de Cuntis

A Festa Gastronómica do Lacón con Grelos arrinca este venres incluíndo un recoñecemento do Concello de Cuntis a un establecemento histórico do municipio.

Nesta ocasión será o Café Quico o negocio local homenaxeado como "testemuño directo da evolución e crecemento que experimentou a nosa vila en todo este tempo, ademais de formar parte da nosa historia e tradición", en palabras do alcalde, Manuel Campos.

Terá lugar este venres 1 de marzo tras a Gala do Chapante coa que se inicia a vixésimo quinta edición da cita gastronómica de Cuntis. Estes empresarios recibirán un obsequio conmemorativo e tamén se entregarán agasallos aos dez establecementos que participaron na última edición do TapaLacón e que "foi un éxito rotundo a pesar das inclemencias meteorolóxicas".

A gala comezará ás 21.00 horas no Centro Sociocultural Patelas onde se coñecerá a vestimenta que este 2024 luza o Chapante e actuará o Grupo Chumpá Teatro.

O Café Quico sitúase no comedor do antigo Hotel Rivas, construído a principios do século XIX. Adquiriuno Perfecto Alonso Vilar en 1920 e en 1936 o seu fillo Antonio Alonso Gómez asumiu o negocio ata a década dos oitenta. A substitución tomouna o seu actual propietario, Antonio Alonso 'Tito' que continúa á fronte do negocio xunto á súa filla Esther Alonso.

Durante estes máis de cen anos atendendo a cuntienses e foráneos foi e é un punto de encontro para moitas xeracións.

"Quero agradecer o traballo, implicación e esforzo exemplar deste negocio familiar no que se viviron unha infinidade de anécdotas en todo este tempo", sinalaba o alcalde.