Cuntis recibe unha achega provincial para mellorar os accesos aos núcleos de Vilariño, Noval e Mesego

Umia
29 de maio 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantiveron este mércores unha reunión de traballo no Pazo provincial

Reunión do presidente da Deputación e o alcalde de Cuntis
Reunión do presidente da Deputación e o alcalde de Cuntis / Mónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantiveron este mércores unha reunión de traballo no Pazo provincial. 

Neste encontro Luis López avanzou a aprobación na vindeira Xunta de Goberno do ente provincial deste venres dunha subvención de 196.650 euros ao abeiro do programa +Provincia para a mellora da capa de rodaxe das estradas de acceso aos núcleos de Vilariño e Noval, así como ao de Mesego. 

López e Campos repasaron outros investimentos previstos pola Deputación neste Concello e abordaron asuntos de interese mutuo para as dúas administracións como é a mellora da estrada EP-8404 entre Piñeiros e Arcos.

Neste sentido, o titular do executivo provincial informou ao rexedor dos fondos que lle corresponde ao Concello de Cuntis do programa +Provincia, que ascenden a 668.700 euros, 45.400 máis do recibido o ano anterior, o que supón un incremento do 7,8 %. Unha parte destes recursos, 120.100 euros, as destinará o goberno local á contratación de 11 persoas ao abeiro da Liña 3 de fomento do emprego do + Provincia. Cuntis percibirá pola Liña 2 de apoio ao gasto corrente uns 52.000 euros e, pola Liña 4 de redacción de proxectos transformadores, ten asignado 15.600 euros.

Cuntis ten en carteira outros proxectos para os que solicitou financiación á Deputación como a subminitración de colectores de lixo (10.870 euros), a mellora do alumeado público no Concello (15.640 euros), a mellora do camiño de acceso a Calvos (20.000 euros) e a colaboración na financiación da mellora da calidade urbana na rúa Bernardo Sagasta, unha obra para a que solicitan unha subvención de 128.000euros; ou para o plan de mellora de camiños rurais, para o que demandan 15.600 euros. 

O Concello de Cuntis tamén se beneficia de fondos doutro programa provincial como é o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, do que recibirá uns 43.000 euros que destinará a mellorar a accesibilidade do pavillón municipal.