Dez establecementos hostaleiros de Cuntis participaron esta fin de semana nunha nova edición do certame Tapalacón, ofrecendo petiscos elaborados con lacón cos que os comensais comezaron a prepararse para a Festa do Lacón con Grelos.
As tapas, que tiñan un prezo de 1 euros, servíronse na A Bolera, O Moncho, Don Manuel, O Traspaso, A Casa da Burga, O Parladoiro, O Paseo, O Fogar do Pensionista, A Morena e A Fontiña, que contaron cunha gran afluencia de público os tres días do certame.
Esta nova edición do Tapalacón incluíu na súa programación dúas exhibicións de cociña, que se celebraron na Casa do Médico, cos cociñeiros Iván Méndez, que ofreceu exquisiteces saldas de lacón con grelos, e Tere Rico, que preparou unha serie de doces de Entroido.
O temporal, iso si, obrigou a suspender as actuacións musicais previstas, da agrupación municipal de música e baile tradicional de Cuntis e do grupo folclórico Hai Que Roelo, ante o risco de que sufrisen danos os seus instrumentos.