A concelleira de Igualdade do Concello de Cuntis, Ana Loureiro, presentou este mércores a programación municipal con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora o vindeiro domingo, día 8 de marzo.
As actividades, como sinalou a edil, foron pensadas para o desfrute de todos os públicos e co obxectivo principal de fomentar a sensibilización e promover a loita pola igualdade e os dereitos das mulleres.
Nesta liña reivindicou o compromiso do goberno municipal coas políticas de igualdade ao longo do ano e puxo de manifesto a importancia que alcanzou nos últimos anos o 8M na loita contra o machismo, motivo polo que dixo, "seguimos comprometidos coa súa conmemoración".
Así, o venres día 6 ás 18.00 horas, terá lugar na Casa da Cultura, Roberto Blanco Torres, "A Pirata Escarlata" coa contacontos, Marisa Irimia. Trátase dun espectáculo destinado a todas as idades, pero especialmente adaptado para os nenos tanto de infantil como de primaria.
O mesmo día ás 20.30 horas no Centro Patelas, a actriz, Rogelia dos Outeiros, estreará a súa obra "Soa". Trátase da primeira incursión da veterana intérprete nunha produción teatral en solitario. En "Soa", Rogelia dos Outeiros leva a escena unha adaptación de La Donna Sola, popular monólogo publicado en 1977 por Dario Fo, o intérprete, autor e director italiano Premio Nobel de Literatura en 1997. O actor, clown e director, Fran Rei, foi o encargado da dirección do espectáculo.
Por último, o día 8, Día Internacional da Muller Traballadora, culminarán os actos cunha marcha reivindicativa baixo o lema "Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado", que partirá ás 20.00 horas dende o centro médico.
O Concello de Cuntis anima a toda a sociedade da vila termal a participar nas diferentes actividades conmemorativas do 8M para seguir demostrando que somos un municipio exemplar e comprometido cos dereitos da muller e coa igualdade de mulleres e homes.