O Concello de Cuntis vén de presentar as actividades coas que se conmemorará o vindeiro venres, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. Ao longo desa data está previsto que se desenvolva a programación deseñada polo goberno local, a través do Ministerio de Igualdade e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Tal e como explicaron o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a edil de Igualdade e Servizos Sociais, Ana Loureiro, a principal novidade nesta edición será a celebración da I Andaina da Muller.
As inscricións para marticipar nesta andaina poden realizarse na páxina web do Concello. A saída está prevista para as 17.30 horas, desde as inmediacións da Biblioteca Municipal Roberto Blanco Torres. Trátase dun roteiro que atravesará o núcleo da vila. Unha vez finalizado, ás 19.00 horas procederase á lectura do manifesto elaborado con motivo do 8 de marzo, así como unha actuación a cargo do Coro Son Elas no Centro Socio Cultural Patelas. No caso de que as condicións meteorolóxicas o permitan, a lectura do manifesto levarase a cabo ás 12.00 horas ás portas da Casa Consistorial, tal e como é habitual.
Tanto o alcalde como a responsable de Igualdade fan un chamamento ao tecido veciñal e asociativo do municipio para que se implique tanto na participación da andaina como de todo o programa, para "dar visibilidade e escenificar a unión do noso pobo contra a lacra social do machismo e para reivindicar unha sociedade en igualdade para todos e todas".