Cuntis prepárase para celebrar a 'Festa do Lacón con grelos' con Carlos Blanco como pregoeiro

Umia
14 de xaneiro 2018

A cita gastronómica declarada de interese turístico de Galicia será a fin de semana posterior ao Martes de Entroido, o 17 e 18 de febreiro, na carpa instalada na praza da Constitución.

XX Festa do Lacón con Grelos de Cuntis
XX Festa do Lacón con Grelos de Cuntis / PontevedraViva

A praza da Constitución, fronte ao edificio do Concello, volverá ser o punto de encontro na vixésimo primeira edición dunha festa que foi recoñecida como de interese turístico de Galicia, a Festa do Lacón con Grelos de Cuntis. Pola carpa espérase que pasen máis de 3.000 persoas entre o 17 e 18 de febreiro, a fin de semana posterior ao Martes de Entroido.

Ao longo do sábado 17 desenvolveranse diversas actividades que culminarán a partir das 22.00 horas co Vespaguateque, todo un retorno á estética dos oitenta.

Durante a xornada grande, procederase á apertura da festa por parte da Agrupación de Baile e música de Cuntis para dar paso ao humorista Carlos Blanco, que recentemente interpretou na rodaxe da serie 'Fariña' ao narcotraficante arousán Laureano Oubiña. 

A continuación abrirase a mostra de camelias, a actividade das palilleiras e a exposición de casas de bonecas na praza de abastos. Tamén se poderá gozar dunha exhibición de bonsais.

A agrupación The bichos jazz será a encargada de ofrecer a animación musical na praza da Constitución. Ao longo da tarde, despois de quentar o corpo co lacón con grelos e coas filloas tradicionais, a ambientación correrá a cargo de Gallifunk e a Banda de Música de Cuntis, segundo apuntan desde o goberno local.

Os actos finalizarán coa recuperada celebración do enterro de O Chapante.

Arquivado en