Cuntis pon en marcha a campaña 'Mata o virus, lava as mans'

Umia
04 de abril 2020

A iniciativa pretende incidir na importancia de reforzar as medidas de hixiene persoal e, particularmente, no lavado de mans frecuente como medida preventiva para frear os contaxios por coronavirus

Campaña de concienciación do Concello de Cuntis 'Mata o virus, lava as mans'
Campaña de concienciación do Concello de Cuntis 'Mata o virus, lava as mans' / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis quere concienciar á poboación sobre a importancia que ten reforzar as medidas de hixiene para así previr o contaxio do COVID-19.

Para iso crearon unha campaña de concienciación e prevención baixo o lema 'Mata o virus, lava mans' coa que fan fincapé na necesidade de lavarse as mans frecuentemente para frear os contagios.

Trátase dunha mensaxe sinxela pero clara e directa que nos lembra a importancia de lavarse habitualmente as mans como medida máis eficaz de prevención do virus e que nos lembra que isto é o primeiro que se debe facer cando cheguemos a casa.

No marco desta campaña, para a que se contou coa opinión e colaboración do persoal do centro de saúde de Cuntis, van pegar adhesivos co lema por todos os contedores do municipio e será difundida por redes sociais, entre outros soportes.