Cuntis percibe un incremento de visitantes que chegan á vila percorrendo a Vía Mariana

Umia
06 de agosto 2024

Se ben máis do 75% das persoas que solicitaron información na Oficina de Turismo situada na Praza dos Árboles proviñan doutras Comunidades Autónomas de España, tamén se achegaron ata as instalacións turistas de Hungría, Suíza, Bélxica ou Vietnam

Un grupo de turistas de visita en Cuntis
Un grupo de turistas de visita en Cuntis / Concello de Cuntis

Preto de 150 visitantes recibiron asesoramento e información na Oficina de Turismo de Cuntis, situada no edificio da Casa de Cultura Roberto Blanco Torres, ao longo de todo o mes de xullo. 

Así o refire a memoria elaborada desde a área de Turismo, na que se constata que, se ben boa parte das persoas atendidas proviñan de diferentes cidades de España, tamén requiriron de información sobre os atractivos turísticos da contorna turistas doutros países.

Estes datos confirman a tendencia positiva dos últimos anos, nun mes de xullo que estivo moi condicionado pola meteoroloxía, xa que o bo tempo non se consolidou practicamente ata os últimos dez días previos a agosto.

Con respecto á procedencia dos e das visitantes, arredor dun 78% das atención corresponderon a persoas de Madrid, Cataluña, Andalucía e Extremadura, así como de Euskadi. 

Pero Cuntis tamén está consolidado como un destino e unha zona de visita moi interesante para estranxeiros, como así o amosan os datos da Oficina de Turismo. Hungría, Suíza, Bélxica ou Vietnam son algúns dos países dos que proviñan algúns dos usuarios.

Á hora de solicitar información, suscita moito interese o castro de Castrolandín, así como a historia e a ampla oferta termal de Cuntis, sen esquecer as diferentes rutas de sendeirismo existentes no municipio.

Ademais, este ano tamén se nota un incremento de persoas que están a percorrer a Vía Mariana, habilitada desde 2018. Cómpre lembrar que Cuntis é un dos 13 concellos da provincia de Pontevedra pola que pasa esta senda, que enlaza os 400 quilómetros existentes entre os santuarios de devoción mariana da localidade portuguesa de Braga e Muxía. 

O alcalde, Manuel Campos, lembra que o Concello apostou desde o primeiro momento por implicarse na promoción desta vía, xa que "supón un reclamo máis a maiores para atraer visitantes e dar a coñecer os encantos do noso concello".

Á marxe das visitas particulares, hai que salientar que tamén se realizaron varias visitas guiadas, co asesoramento do técnico municipal de Turismo.