Cuntis pechou o primeiro trimestre de 2024 co seu rexistro de desemprego máis baixo dos últimos 18 anos

Umia
24 de abril 2024

O alcalde, Manuel Campos, participou este mércores nunha reunión de traballo do Programa Integrado de Emprego (PIE), do que forma parte o Concello de Cuntis e que busca favorecer a contratación de persoas de diferentes colectivos, como menores de 30 anos, maiores de 45 ou con discapacidade

Reunión de traballo do Programa Integrado de Emprego (PIE)
Reunión de traballo do Programa Integrado de Emprego (PIE) / Concello de Cuntis

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, participou este mércores nunha reunión de traballo do Programa Integrado de Emprego (PIE), na que tamén tomaron parte representantes políticos doutros concellos da contorna adheridos tamén a este plan, como son Caldas de Reis, Portas, Moraña e Barro, e o equipo técnico do PIE. 

O encontro tiña como obxectivo avanzar e promover contactos coas empresas da comarca e arredores, para facilitar a realización de prácticas por parte das 100 persoas inscritas no programa, que está cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.

Ademais, tamén se busca continuar incrementando os niveis de inserción laboral do alumnado unha vez conclúen as sesión formativas. Cómpre lembrar que o PIE se desenvolve nas dependencias do Centro Ocupacional, situado no polígono industrial da Ran.

Manuel Campos salienta a importancia de contar con este tipo de ferramentas para reducir os índices de desemprego e reafirmou o compromiso por parte do Concello de Cuntis á hora de implicarse na busca de fórmulas que fomenten a inserción laboral, a formación profesional e o emprendemento. Esta filosofía está a dar os seus froitos, como así o demostran os últimos datos sobre desemprego. 

No primeiro trimestre de 2024 Cuntis acadou a súa porcentaxe máis baixa desde hai case dúas décadas nesta época do ano, cun 10,7%. Confírmase, deste xeito, a tendencia positiva que xa se viña consolidando nos últimos anos (10,99% en 2022, 12,8% en 2021). Lonxe quedan as elevadas taxas de hai unha década, cando en 2013 e 2014, en plena recesión económica, se chegou a practicamente o 30%. 

A día 31 de marzo, segundo os datos da Consellería de Emprego, Cuntis contaba con 197 persoas en situación de desemprego. "Aínda queda moito camiño por percorrer e imos continuar apostando por fórmulas e iniciativas, dentro das nosas posibilidades, para que a cifra continúe reducíndose", explicou o alcalde, quen, non obstante, lembrou que "hai apenas dous anos eran máis de 300 os veciños e veciñas que non dispuñan de posto de traballo".

É por iso polo que Manuel Campos considera "indispensable" contar con programas como o PIE, xa que "é unha ferramenta efectiva e moi axeitada para a mellora da formación profesional, cun nivel de inserción laboral moi importante". 

Que a iniciativa se centre fundamentalmente en colectivos como menores de 30 anos, maiores de 45 ou persoas con discapacidade tamén é un feito a ter moi en conta, porque "en moitas ocasións estas persoas son as que máis problemas atopan para atopar traballo", sinala o rexedor municipal.

Cómpre lembrar que o Concello de Cuntis conta cun servizo de Orientación Laboral desde o ano 2009 e que tamén se empraza no polígono industrial da Ran. Asesoramento, información, deseño de itinerarios de inserción ou prospección de empresas son algúns dos servizos que se ofrecen desde Orientación Laboral, tanto para a veciñanza de Cuntis como para a de Caldas de Reis.