A conservación e limpeza dos elementos patrimoniais de Cuntis son os principais activos do Plan Municipal de Turismo elaborado polo goberno municipal. Con el pretende animar á veciñanza e aos visitantes a descubrir e gozar destes entornos.
As tarefas de acondicionamento comezaron hai uns días na área arqueolóxica de Cardecide, polo que Manuel Campos, alcalde de Cuntis, confirmou que "nas vindeiras semanas extenderanse ás zonas de Cequeril e A Ran". Os petróglifos de Cartas I, en Cardecide, "contan xa cun acceso cómodo ao eliminarse a herba que medrou arredor, unha tarefa que tamén se realizará nas estacións de arte rupestre de Cequeril e A Ran", destacou.
O edil recoñece que estas tarefas de limpeza tamén reforzan as medidas preventivas de incendios forestais e destaca que para manter en condicións óptimas as áreas patrimoniais supón "un importante esforzo inversor para os municipios pequenos, e lamenta que a administración autonómica careza dunha liña de axudas que contribúa a sufragar os gastos derivados dunha correcta conservación dun patrimonio colectivo".
Finalmente, engadiu que o Concello de Cuntis "asume con fondos propios estes traballos porque entendemos que son imprescindibles. Non só porque manter limpos estes entornos é o primeiro paso para animar a súa visita e dalos a coñecer senón porque a eliminación da maleza prevé danos maiores nun patrimonio histórico de valor incalculable".