O Concello de Cuntis lanzou un novo programa de axudas para a natalidade coa que busca contrarrestar o descenso de nacementos en Galicia.
Esta iniciativa, aprobada recentemente polo goberno local, destinará un total de 5.000 euros a familias con fillos nados entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024.
As axudas serán de 300 euros por neno, incrementándose a 500 euros para familias numerosas, monoparentais ou no caso de que o neno presente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.
Pare recibir esta subvención, os ingresos anuais deberán ser inferiores a 45.000 euros e a renda per cápita inferior a 13.500 euros.
As familias teñen que estar empadroadas en Cuntis e os seus fillos deben rexistrarse no Padrón municipal polo menos dous anos despois do seu nacemento.
As bases do programa publicaranse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Sede electrónica do Concello nos próximos días.
As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte á publicación até o 13 de decembro, inclusive, e as xestións realizaranse na Casa Consistorial.
Finalmente, desde o Concello destacan que estas subvencións se suman ao programa Cuntilín, que proporciona apoio na conciliación familiar de forma gratuíta durante todo o ano.
Cuntis é un dos poucos municipios da provincia de Pontevedra que ofrece este tipo de servizos sen custo algún para os usuarios.