Cuntis inaugura o reformado campo de fútbol da Ran

Umia
01 de setembro 2013

Cun orzamento de 1 millón de euros, a reforma deu lugar a un campo cunhas dimensións de 105x63 metros, dous campos transversais de fútbol-7, céspede artificial de última xeración, bancadas cubertas para 328 espectadores, bancadas para suplentes, un marcador electrónico e sistema de rego e de drenaxe con canles de recollida de augas

O campo de fútbol da Ran, en Cuntis, viviu unha ampliación do terreo de xogo, reformáronse as instalacións e dotouse de todas as prestacións precisas e céspede artificial. Ten unha cara renovada e dende este domingo quedou inaugurado.

A inauguración correu a cargo do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o alcalde, Antonio Pena Abal; e o presidente do club de fútbol de Cuntis, José Parama Arca.

Cun orzamento de 1 millón de euros, a reforma deu lugar a un campo cunhas dimensións de 105x63 metros, dous campos transversais de fútbol-7, céspede artificial de última xeración, bancadas cubertas para 328 espectadores, bancadas para suplentes, un marcador electrónico e sistema de rego e de drenaxe con canles de recollida de augas. Ademais, dotouse de un xogo de porterías de fútbol once; dous xogos de porterías de fútbol sete; e un xogo de banderíns de córner.

Nas inmediacións do campo procedeuse á urbanización da parcela, instalouse un novo peche perimetral, axardinamento de zonas verdes e aparcamentos pavimentados completando a mellora do contorno. No entorno do complexo procedeuse á construción dun edificio anexo ao campo destinado a vestiarios, almacén, gradaría, oficina, control de acceso, baños e bar.

Ademais, situáronse os aparcadoiros para vehículos na zona frontal do campo, a carón da N-640, e outro na parte traseira. Os autobuses terán habilitado un espazo no lateral do campo de fútbol. Estas actuacións mellorarán significativamente a imaxe do municipio de Cuntis, posto que o campo está situado xusto na entrada ó mesmo.

Para mellorar as conexións en todo o municipio de Cuntis, a Unidade de Estradas do Estado analizou a creación dunha senda que una o centro urbano co campo e permita chegar a pe ata el sen perigo. As obras consistirían en darlle continuidade (uns 300 metros) ata o campo de A Ran ás beirarrúas que van desde o núcleo urbano ata o polígono.