Un ano máis, o Concello de Cuntis aproveitará a fin de semana grande do seu evento gastronómico estrela, a Festa do Lacón con Grelos, para render homenaxe a locais e negocios que forman parte da historia da vila.
Nesta ocasión, collendo a testemuña do Café Quico -recoñecido en 2024-, haberá, por primeira vez, dous establecementos homenaxeados: O Cuberto e A Tenda da Ponte.
No caso do Furancho O Cuberto, o recoñecemento será pola súa traxectoria e valor histórico no rural e o de A Tenda da Ponte pola súa defensa da lingua e da cultura galega.
José Antonio Gónzalez García leva desde 2012 á fronte do Furancho O Cuberto, un local no que se poden degustar diferentes tapas de cociña tradicional.
Situado en Magán, o establecemento potencia e pon en valor a esencia do rural, da que a súa clientela habitual salienta a calidade dos seus produtos e o bo ambiente que existe nel.

Tal e como explica o propio José Antonio González, O Cuberto debe o seu nome ao seu emprazamento, a carón da vivenda dos seus sogros, onde hai anos houbo unha taberna e bar.
Precisamente, González e a súa muller adaptaron un cuberto para dar vida ao negocio que teñen agora. Natural da comarca do Salnés, o propietario trouxo a Cuntis a esencia dos furanchos, tan habituais no corazón das Rías Baixas, ao seu local.
Esta aventura como hostaleiro iniciouna despois de case tres décadas dedicándose á música, ata que decidiu dar un xiro á súa vida implicándose nun proxecto de hostalería que nestes 13 anos de vida axudou a poñer no mapa o rural cuntiense.
O segundo recoñecemento desta edición da Festa do Lacón con Grelos será para Javier Barreiro, actual propietario de A Tenda da Ponte. Situado na rúa Bernardo Sagasta, a beira do río Umia, este establecemento é parada habitual de numerosos veciños e visitantes ao longo de todo o ano.
O local foi inaugurado hai quince anos polo seu responsable, que xa conta cunha ampla traxectoria no sector, de máis de tres décadas, tempo no que traballou en numerosos negocios que perduran na lembranza da cidadanía como son O Chiorta, O Cruce ou o Bar O Barco.
Nos seus proxectos, tal e como ocorre tamén no caso de A Tenda da Ponte, Javier Barreiro sempre fixo unha aposta clara polos produtos autóctonos nas elaboracións das súas cartas, ademais de poñer en valor e enfatizar a historia, a cultura e a tradición galega.
No local actual organiza exposicións de pintores e artistas da contorna, ademais de contar con fotografías e instantáneas antigas do pobo.
A entrega de obsequios terá lugar no Centro Sociocultural Patelas durante a Gala do Chapante, este venres 7 de marzo ás 21:00 horas, e incluirá unha actuación a cargo do Grupo Chumpá Teatro.