O Concello de Cuntis presenta unha ampla programación de Nadal baixo o lema "Déixate prender pola maxia da nosa vila! Ilumina o teu Nadal", que arranca este domingo 15 de decembro cun atractivo Mercadiño Nadal Vintage na Praza de Abastos.
A programación infantil terá un protagonismo especial. Os Paxes Reais visitarán o CPI Aurelio Marcelino Rey García o martes 17, mentres que Papá Noel recibirá aos nenos e nenas na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres o día 24 de decembro.
Os veciños tamén poderán participar nun Gran Sorteo de Nadal o domingo 22 de decembro, unha iniciativa para dinamizar o comercio local durante estas festas.
Para entreter aos máis pequenos durante as vacacións escolares, o programa "Cuntilín" desenvolverase do 24 de decembro ao 4 de xaneiro, de luns a venres en horario de mañá
. Ademais, os cativos poderán gozar de dúas actuacións especiais: os Títeres Alakrán o 26 de decembro e o Mago Teto o 3 de xaneiro, ambas as dúas na Casa da Cultura.
O Festival Folclórico de Nadal, organizado pola Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis, terá lugar o sábado 21 no Pavillón Municipal.
Para os amantes das manualidades, Mari Digna Pardelas impartirá un obradoiro de Centros de Mesa de Nadal o 19 de decembro no Centro Patelas.
A programación inclúe eventos para toda a veciñanza, como a chocolatada de Nadal no Espazo CuntisXove o día 28, e a tradicional Comida de homes e Cea de mulleres ese mesmo día, para a que cómpre recoller os tickets con antelación.
O ano novo recibirase cunha gran festa na Carpa da Praza da Constitución tras as badaladas.
A programación rematará coa esperada Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, que percorrerá a vila antes dunha recepción real na mesma carpa da Praza da Constitución.
Durante estes días, Cuntis vai contar con propostas tradicionais, culturais e de lecer para todas as idades.