Cuntis e O Grove prepáranse para a posible chegada de refuxiados sirios

Umia
08 de setembro 2015

Ambos os dous municipios iniciaron unha campaña de recollida de alimentos, roupa ou doazóns para a manutención dos refuxiados e solicitan a colaboración cidadá para poder aloxar os desprazados nos seus domicilios

Concello do Grove
Concello do Grove / Lmbuga

O goberno municipal de O Grove ten ultimado o plan de acollida para ás familias que foxen da Guerra Civil en Siria. Ao igual que fixeron outros concellos, xa remitiron o correspondente comunicado para formar parte das cidades ou vilas-refuxio que xa existen por todo o país.

Para ese fin, a partires do luns aqueles veciños, empresas ou colectivos que queiran colaborar neste plan poderán presentar nos servizos sociais un formulario, que será facilitado previamente, no que indiquen a súa dispoñibilidade. 

Deste xeito, o Concello agarda contar con vivendas ou aloxamentos que os veciños poidan poñer a disposición dos refuxiados, ademais de que locais ou empresas poidan facer pequenas doazóns para a súa manutención. De igual xeito contarase con voluntarios para o apoio educativo dos menores e o acompañamento das familias en cuestións administrativas. 

Tamén se está traballando cos servizos sociais para valorar adecuadamente a xestión dos fondos propios, de tal xeito que se poida ter unha previsión clara para cubrir as necesidades xa existentes no Grove e que seguen a ser prioritarias e, a partires de aí, asumir novas necesidades que poidan xurdir das familias en acollemento.

EN CUNTIS PIDEN FAMILIAS DE ACOLLIDA

Tamén en Cuntis comezaron os preparativos ante unha previsible chegada de refuxiados sirios. Agardando polas decisións que se tomen por parte do Estado español, o goberno municipal acordou iniciar unha campaña de recollida de alimentos e víveres non perecedoiros, así como de roupa e outros obxectos.

Todas as persoas que desexen colaborar poderán depositar o seu donativo no Centro Ocupacional de A Ran, onde quedará habilitada unha sala para a almacenaxe dos produtos que logo serán entregados aos refuxiados sirios.

Ademais, ante a falta dun espazo público que sirva de acollida para as persoas sirias que foxen da guerra, o Concello porá a disposición de todos os veciños de Cuntis unha listaxe na cal se poidan inscribir todas aquelas familias que a título individual queiran colaborar á hora de acoller aos refuxiados.

Arquivado en