Catro comunidades de montes de Cuntis e Campo Lameiro están a prepararse para a loita contra os incendios forestais grazas a unha axuda concedida pola Consellería de Medio Rural e Mar que lles permitiu acometer obras de rozas e limpeza de 40 hectáreas de monte cun investimento de 21.900 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras executadas por estas comunidades de montes acompañado polo alcalde de Cuntis, Antonio Pena; os presidentes da comunidade de montes; o xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois; e o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco, segundo informou a Xunta nun comunicado.
As comunidades de montes de Gontade e Cequeril, en Cuntis, e Cimadevila e Casiñas de Paraguda, de Campo Lameiro, agrupáronse para presentar o proxecto finalmente aprobado por Medio Rural, que inclúe a limpeza de monte en rexenerado de pino e a roza de 40 hectáreas.
Estes traballos contaron cun investimento de 21.865 euros, dos cales a Xunta aportou 13.824,29 grazas a unha subvención cofinanciada con fondos europeos. "O máis destacable é que as catro comunidades de montes presentaron esta iniciativa de forma agrupada, o que lles permitiu contar con maior puntuación a hora de obter a subvención", destacou Cores Tourís.
No distrito forestal de Pontevedra-Caldas-Salnés o investimento ascendeu a 425.000 euros e en toda a provincia de Pontevedra superou o millón de euros. A Xunta de Galicia está a traballar para que as comunidades de montes leven a cabo o control selectivo de combustible en devesas, faixas auxiliares de pista, rexenerado o ámbito forestal así como na roza, rareo e eliminación de restos.