O Concello de Cuntis continúa coas súas accións para axudar ao comercio e hostalería local coa posta en marcha dunha nova iniciativa consistente na transformación das súas cartas en códigos QR para adaptarse así á normativa contra a Covid-19, que prohibe o uso de cartas individuais.
Os locais de hostalería interesados nesta proposta só teñen que contactar co goberno local para facerse cos seus propios adhesivos.
A participación é gratuíta e será desenvolta por técnicos municipais que se encargarán de deseñar e proporcionar os códigos QR para que os restaurantes poidan ofrecerlles aos seus clientes unha carta segura e visible desde o teléfono móbil.
Esta ferramenta permitiralle ao sector extremar as medidas hixiénicas e de prevención que recomendan as autoridades sanitarias e optimizar o traballo do persoal xa que non terá que desinfectar as cartas tras cada un dos seus usos.
Esta nova acción súmase a outras medidas coas que o Concello de Cuntis está a apoiar ao comercio e a hostalería no seu regreso á actividade como a moratoria na cobranza de impostos, a posibilidade de ampliar os metros de terraza en vía pública, a repartición de elementos informativos e de material de prevención e seguridade, ou a activación do portal Mercacuntis.com.