Cuntis aproba o convenio que desenvolverá o polígono da Ran cun proxecto de 6 millóns

Umia
03 de marzo 2023

O convenio que regulará esta actuación, na que o Concello non terá que desembolsar cartos, foi aprobado nun pleno da corporación municipal. Contou co apoio dos concelleiros do PSOE e de Veciñanza e o voto en contra dos dous edís do Partido Popular

Polígono industrial de A Ran
Polígono industrial de A Ran / Concello de Cuntis

Case seis millóns de euros investirán a Entidad Pública Empresarial de Suelo (SEPES) e a Zona Franca para acometer o desenvolvemento industrial do polígono da Ran, en Cuntis, un proxecto no que ambas entidades investirán case 6 millóns de euros.

Será unha área industrial que se situará na metade sur do ámbito que separa o vial principal, que atravesa actualmente a zona industrial xa existente.

A superficie contemplada no plan de sectorización para o futuro polígono é de 325.635 metros cadrados, dos que se destinarían a industria un total de 200.397 e a equipamentos 78.265.

O convenio que regulará esta actuación, na que o Concello non terá que desembolsar cartos, foi aprobado nun pleno da corporación municipal. Contou co apoio dos concelleiros do PSOE e de Veciñanza e o voto en contra dos dous edís do Partido Popular.

O alcalde, Manuel Campos, lamenta que os populares intenten "frear intencionadamente" o desenvolvemento do polígono, que se leva tramitando máis dunha década.

"Ese voto en contra é unha decisión política que terán que explicar ao conxunto de cidadáns de Cuntis que levan anos esperando polo desenvolvemento do polígono como unha ferramenta que estabilice o emprego na contorna", subliñou o alcalde.

Este convenio, recordou o rexedor, permitirá ao municipio "sumarse ao tren da industrialización e liderar un sector que nos pode reportar moitos postos de traballo directos e indirectos e investimentos millonarios ".