Cuntis abre o prazo de inscrición do Cuntilín para o próximo curso

Umia
26 de agosto 2024

O programa de conciliación desenvolverase no CPI Aurelio Marcelino Rey García entre setembro e xuño e incorpora como novidade o Plan Madruga, de 7.45 a 8.45 horas, que se suma ao habitual horario de tarde (de 15.30 ás 20.00 horas)

Cuntilín Verán
Cuntilín Verán / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis informa de que xa está aberto o prazo de inscrición para a reserva de prazas do programa Cuntilín, que se desenvolverá ao longo do vindeiro curso lectivo 2024-2025. 

Esta proposta gratuíta, destinada a nenos en idade escolar, tan coma obxectivo facilitar e promover a conciliación laboral e familiar da veciñanza cuntiense entre os meses de setembro e de xuño do vindeiro ano, dando, deste xeito, continuidado á ludoteca Cuntilín Verán, que se vén desenvolvendo desde o comezo da tempada estival e que tamén é de balde. 

Ademais, nesta edición inclúe unha novidade moi importante, xa que, ademais de manter o horario de tarde, incorpora o Plan Madruga, de 7.45 e 8.45 horas.

A administración local vén de emitir un bando no que lembra que as solicitudes poderanse tramitar no Rexistro Municipal, na Casa Consistorial, en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. Tamén é posible facelo de xeito telemático, a través da Sede Electrónica, un espazo no que está dispoñible toda a documentación. Esta documentación tamén se pode solicitar de maneira presencial nas dependencias da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). 

Unha vez remate o prazo de inscrición, o luns 9 de setembro publicarase o listado de nenos admitidos, tanto na Sede Electrónica como no taboleiro de anuncios do Concello. O alcalde, Manuel Campos, explica que, como xa é habitual, haberá tamén unha reunión informativa coas familias para explicar os detalles do funcionamento do servizo. A cita será no Centro Patelas, ás 20.00 horas.

Ademais de incorporar o Plan Madruga polas mañás, Cuntilín estará operativo no CPI Aurelio Marcelino Rey García de 15.30 a 20.00 horas. Tamén funcionará nas vacacións de Nadal, de 8.00 a 14.00 horas, a excepción dos días 24 e 31 de decembro e 7 de xaneiro, a maiores de festivos. 

O alcalde recorda que Cuntis leva xa máis de 15 anos apostando por ofrecer á veciñanza esta ferramenta para garantir a conciliación familiar, o tempo que que Cuntilín "tamén cumpre unha importante función educativa, grazas ao labor que realiza o monitorado, con propostas formativas nas que, ademais da diversión, foméntanse os hábitos saudables, bos comportamentos e valores como o compañeirismo", resalta Manuel Campos.

O alcalde recorda, asemade, que Cuntis é un dos poucos concellos da provincia de Pontevedra que ofrece este servizo de xeito gratuíto, en colaboración coa Xunta de Galicia. Campos Velay incide en que "Cuntilín é un programa referente na comarca e que está plenamente consolidado". Como exemplo, salienta a “espectacular acollida” coa que contou o Cuntilín Verán, que remata nos vindeiros días e que contou cun 100% de inscricións. No caso do Cuntilín 24-25, comezará o 11 de setembro e finalizará o 20 de xuño. As prazas son limitadas.